A Xunta valora o esforzo de empresas como Vegalsa Eroski para apoiar as producións agroalimentarias galegas e a súa calidade

José Balseiros sinalou que a promoción dos produtos de proximidade e de calidade é unha parte esencial da responsabilidade corporativa, que redunda na sustentabilidade da produción agropecuaria e no respecto ao medio ambiente
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Empresas,Xunta de Galicia

A Xunta valora o esforzo de empresas como Vegalsa Eroski para apoiar as producións agroalimentarias galegas e a súa calidade

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, agradeceu hoxe o esforzo de empresas como Vegalsa Eroski para apoiar as producións agroalimentarias galegas. Na presentación, hoxe en Sarria, dunha campaña de promoción do leite da nosa comunidade por parte desta distribuidora, o director xeral valorou a súa responsabilidade social, ambiental e económica e o seu compromiso co agro galego.

Nesta liña, José Balseiros sinalou que a promoción dos produtos de proximidade e de calidade é unha parte esencial desa responsabilidade corporativa, que redunda ademais na sustentabilidade da produción agropecuaria e no respecto ao medio ambiente. Lembrou, así mesmo, que as esixencias da sociedade son cada vez maiores, no que atinxe a eidos coma os produtos ecolóxicos, o concepto de quilómetro cero, a información nutricional ou os ingredientes saudables. Por iso, o director xeral destacou que o feito de amosar e destacar o leite producido en Galicia, por parte de Vegalsa Eroski, facilitará o seu acceso aos consumidores que teñen en conta a procedencia dos produtos.

Neste contexto, Balseiros vinculou a boa marcha do sector leiteiro galego cos 330 millóns de euros de media que a Xunta achega anualmente a este eido produtivo, a través de diferentes liñas de axuda, entre elas, de xeito destacado, as destinadas a apoiar a súa comercialización e transformación. Desta forma, engadiu, os investimentos en innovación e transformación están a propiciar o desenvolvemento en Galicia de proxectos punteiros, mesmo a nivel internacional. Por iso avogou por seguir traballando -como se fai a través da Estratexia de dinamización do sector que impulsa a Xunta- a prol dun reparto equilibrado do valor do leite ao longo de todos os elos da cadea produción-transformación-distribución.