A Xunta xa abonou o 70% das axudas concedidas aos sectores e colectivos máis afectados pola covid-19 por valor de 150 M€

Feijóo detalla que xa se abonaron preto do 80% das solicitudes recibidas do Plan de rescate, das que arredor de 15.000 pertencen ao sector da hostalería
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que a Xunta xa abonou o 70% das axudas concedidas aos sectores e colectivos máis afectados pola covid-19 por valor de 150 millóns de euros.

Dos máis de 370 millóns de euros habilitados para paliar tanto os efectos sociais como económicos da covid, “están concedidos xa 2 de cada 3 euros, exactamente 216,6 millóns de euros”, subliñou Feijóo.

Tras aseverar que o tempo medio entre a publicación e a resolución das axudas foi de 89 días, o presidente da Xunta incidiu en que “estamos a tramitar de forma récord, nunca as ordes de subvención, de axuda incondicionada e a fondo perdido se tramitaron con tanta celeridade”.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que en total se prevén 157.500 beneficiarios a través de 156 liñas de apoio. Trátase, entre outras iniciativas, de: 209 millóns de euros para actuacións de sostemento de emprego, dinamización económica e apoio a autónomos e pemes a través da Vicepresidencia Segunda; case 9 millóns de euros da Consellería de Medio Ambiente para minimizar o impacto económico e social da covid nos alugueiros, e 35,7 millóns de euros para un plan de choque para o sector turístico.

Apoio á hostalería

O titular do Goberno galego fixo fincapé no apoio á hostalería e salientou que do Plan de rescate, dotado con 86,2 millóns de euros, xa están pagados 65 millóns de euros para inxectar liquidez a estes negocios. “Xa se pagaron preto do 80% das solicitudes recibidas, das que arredor de 15.000 pertencen ao sector da hostalería”, detallou.

Despois de facer un chamamento a que se tramiten e se paguen todos os ERTE, Feijóo aseverou que o Goberno galego pactou onte co sector da hostalaría un novo paquete de axudas, que a Xunta vai xa a empezar a deseñar.

“Nos parece que debemos de traballar todos xuntos. Algúns dando diñeiro, como a Xunta de Galicia, e outros non cobrando impostos. O imposto do lixo, o imposto da auga, o IBI, o IAE, o imposto de terrazas non me parece razoable que se pasen ao cobro a todo un sector como o hostaleiro. E pido a maior sensibilidade posible de todas as Administracións”, concluíu o presidente da Xunta.