A Xunta xa recibiu máis de 2.500 denuncias de competencia municipal relacionadas coa covid-19 enviadas polos concellos adheridos ao convenio coa Fegamp

Un total de 172 municipios uníronse ao convenio, que ten como obxectivo contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios
Publicado por o día 31/01/2021 na sección de Galicia,Sucesos

A Xunta recibiu 2.535 expedientes de denuncias dos 172 concellos adheridos ao convenio proposto polo Goberno galego e asinado a finais de novembro coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a tramitación das sancións relacionadas coa covid-19 que son competencia municipal.

A Xunta xa está a revisar os expedientes e xa remitiu para a sinatura dos concellos arredor de 60 acordos de inicio dos sancionadores, dando prioridade aos relacionados coa infracción de incumprir o uso obrigatorio da máscara. Ademais, a previsión do Goberno galego é enviar ao longo da próxima semana máis de 300 acordos para que cheguen canto antes aos presuntos infractores.

Deste xeito, a Administración autonómica está a prestar aos municipios que se adheriron ao convenio a asistencia técnica e material que precisen para tramitar os procedementos sancionadores vinculados a incumprimentos en ámbitos da súa competencia en casos como o uso obrigatorio da máscara, os aforos máximos, os controis de aglomeracións de persoas ou por infrinxir horarios.

A Xunta xa viña tramitando os procedementos da súa competencia por referirse a cuestións puramente sanitarias, como as corentenas e illamentos e agora, a través deste acordo, axuda aos concellos pequenos e medianos con menos recursos e que carezan de medios a tramitar os seus expedientes sancionadores co obxectivo de contribuír a paliar a súa carga administrativa.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destaca a importancia de manter un diálogo fluído coas entidades locais na xestión das denuncias pendentes de resolución para que tódalas infraccións teñan sanción e cheguen aos que incumpren as restricións sanitarias adoptadas para frear o virus. Nesta liña, incide en que a colaboración entre administracións é fundamental na actual crise sanitaria e apela á responsabilidade dos cidadáns en canto ao cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19.

Tramitación

Os concellos que se adhiren ao convenio comprométense a iniciar, instruír e resolver os procedementos sancionadores debendo remitir a Xunta a información precisa para que esta poda executar a encomenda de xestión.

Pola súa parte, a Xunta encárgase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores derivados da covid-19 mediante as unidades tramitadoras base, supervisoras e de coordinación que se ocupan da elaboración material dos trámites en auxilio técnico dos instrutores dos procedementos designados polos concellos para a formalización dos actos de carácter xurídico. É dicir, a Xunta encargase da redacción de documentos e os municipios da súa revisión e sinatura.

Tanto as unidades tramitadoras do Goberno galego como os concellos contan cunha guía de tramitación, que xa recibiron prácticamente tódolos municipios adheridos, na que se recollen todas as actuacións necesarias para que as unidades tramitadoras poidan completar os expedientes electrónicos de cada procedemento, antes de remitilos aos concellos para o seu arquivo.