A Xunta xoga á ruleta rusa coa rula

Este sábado comeza a caza da rula común na Limia, malia as advertencias da Comisión Europea de sancións por vulnerar a Directiva Aves. A Xunta négase a suspender cautelarmente a caza desta especie ameazada. Prefire correr o risco de sancións económicas e penais, dobregándose aos intereses dunha presa de cazadores ourensáns.
Por o 14/08/2019 | Sección: Medio Ambiente
A Xunta xoga á ruleta rusa coa rula
Compartir en:

A Sociedade Galega de Historia Natural dirixiu hoxe un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia informándolle dos riscos nos que incorre de non suspender inmediatamente a caza da rula común en A Limia.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, nunha resolución publicada no DOGA do 31 de maio, autoriza a caza da rula (Streptopelia turtur, en castelán tórtola europea) en 9 concellos de A Limia no período da media veda, que comeza o próximo 17 de agosto e remata o 8 de setembro, malia atoparse esta ave nun franco declive e producirse nunha zona de especial protección para as aves (ZEPA), espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura.

A media veda en A Limia tamén permite a caza do paspallás (Coturnix coturnix, en castelán codorniz), especie migradora igualmente protexida pola Directiva Aves. A súa caza na media veda supón dar morte a exemplares nunha época do ano na que aínda están criando os polos das súas últimas postas, feito que tamén vulnera a Directiva Aves como leva anos advertindo reiteradamente SGHN á Consellería de Medio Ambiente.

As consecuencias económicas

A grave situación da rula levou a que a Comisión Europea iniciara o 25 de xullo un proceso de infracción contra o Estado español por non tomar medidas de conservación que freen o seu declive. España acubilla máis da metade da poboación reprodutora da Unión Europea, polo que é o país clave na conservación desta ave que está a sufrir en toda Europa un forte retroceso. Mediante unha longa carta de emprazamento, a Comisión Europea comunicou ao Ministro de Asuntos Exteriores a vulneración de tres artigos da Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres, coñecida habitualmente como Directiva Aves. España ten dous meses para demostrar que reforzou as medidas de conservación da rula.

España ten perdido un 40 % das rulas reprodutoras no período 1996-2016, en base aos datos proporcionados polo Instituto de Investigación en Recursos Cinegéticos do CSIC. As diminucións máis destacadas son as de Galicia e País Vasco. Precisamente, cun 18% das rulas reprodutoras españolas, Galicia é a segunda comunidade autónoma en importancia para a rula común. O principal núcleo reprodutor da rula común en Galicia é A Limia que nos últimos anos perdeu un 37 % dos seus efectivos reprodutores segundo os censos de membros de SGHN no cadro do Programa SACRE (Seguemento de Aves Comúns Reprodutoras en España) de SEO/BirdLife.”.

O Comisario de Medio Ambiente da Unión Europea, D. Karmenu Vella, xa respondeu á Sociedade Galega de Ornitoloxía interesándose pola situación que se está a dar en Galicia, cara a completar o expediente sancionador.

A caza da rula na Fiscalía

Co agravante de ter recibido advertencias previas, o empeño da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de continuar autorizando a caza da rula levou a que Ecoloxistas en Acción informara o pasado venres ao fiscal delegado de medio ambiente en Galicia da posible comisión dun delito de vulneración do artigo 404 do Código Penal, por ter autorizado dita Dirección Xeral a caza da rula común. Xa que logo, a autoridade ou funcionario público implicado arríscase a unha inhabilitación especial para emprego ou cargo público de sete a dez anos.

A necesidade da inmediata suspensión da caza

A Sociedade Galega de Historia Natural, sumándose a outras entidades conservacionistas, reclamou onte á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a suspensión inmediata da caza da rula, diante das evidencias científicas da súa grave situación. Tamén solicitou que se apliquen medidas suplementarias que permitan recuperar con prontitude as súas poboacións galegas.

Dende o ano 2018 existe un Plan de Acción Europeo para a Conservación da Rula no que se inclúen medidas para preservar e restaurar os hábitats favorables para a rula e no que se recollen accións de urxencia, como a de establecer unha moratoria da súa caza. Lamentablemente, este plan non está a ser aplicado en Galicia. Pola contra, a caza da rula está actualmente prohibida nas comunidades de Asturias, Cantabria, Canarias e Comunidade Valenciana.

A protección da rula

SGHN demandou igualmente a inclusión da rula común no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable, pois así o aconsella o coñecemento científico dispoñible.

A rula xa foi clasificada como especie vulnerable no Libro Rojo de las aves de España (2004), publicado polo Ministerio de Medio Ambiente, e tamén está considerada vulnerable na Lista Vermella de Aves europea e na Lista Vermella de Aves de ámbito mundial. Pola súa banda, o Comité Científico asesor do Comité de Flora e Fauna Silvestres da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade fixo un ditame favorable á inclusión da rula común no Catálogo Español de Especies Ameazadas coa categoría de vulnerable.

O Defensor del Pueblo, en relación á caza da rula común, ven de recordarlle á Secretaría de Estado de Medio Ambiente que, conforme ó artigo 56 da Ley 42/2007 de Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, a inclusión ou non dunha especie no Catálogo Español de Especies Ameazadas obedece a criterios científicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.