A Xunta xustifica ante o Goberno de España a solicitude de compensación de 8 millóns de euros para o transporte público polo impacto no sector das restriccións da mobilidade

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade trasladou información relativa aos contratos e aos quilómetros que cada ano percorren as concesións de transporte público de titularidade da Xunta
Publicado por o día 12/05/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta xustifica ante o Goberno de España a solicitude de compensación de 8 millóns de euros para o transporte público polo impacto no sector das restriccións da mobilidade

A Xunta vén de xustificar ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a solicitude de compensación de 8 millóns de euros que reclama para o sector do transporte público para paliar as consecuencias das restricións á mobilidade derivadas da declaración do estado de alarma polo COVID-19.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu esta mesma mañá os datos solicitados polo Ministerio para poder facer os cálculos desa compensación para o sector do transporte que vén reclamando o Goberno galego.

A Consellería trasladou información relativa aos contratos e aos quilómetros que cada ano percorren as concesións de transporte público de titularidade da Xunta, concretamente os datos correspondentes aos anos 2018 e 2019, e tamén ao presente exercicio 2020.

Durante os anos 2018 e 2019 as concesións de transporte público interurbano percorreron unha media de 43 millóns de quilómetros anuais. A cifra de quilómetros percorridos previstos increméntase neste ano 2020 en preto dun 25%, ata acadar case os 54 millóns de quilómetros anuais, debido a que no pasado mes de xaneiro comezaron a prestar servizo 98 novos contratos de transporte.

A Xunta considera especialmente relevante que o Ministerio teña en conta a información referida aos novos contratos de transporte público para valorar a incidencia que tivo no sector as restricións na mobilidade e nos desprazamentos impostas polo estado de alarma.

A compensación ao sector que vén reclamando a Xunta ante o Goberno central é necesaria para frear o impacto negativo derivado do estado de alarma e da caída de pasaxeiros nun 97% no transporte público interurbano, que xera unhas necesidades de financiamento adicional para as concesións de transporte que se viron afectadas pola declaración do estado de alarma.

Ademais, de cara a tratar de minimizar estas consecuencias, ofrecer liquidez ao sector e blindar a sostibilidade do transporte público, a Xunta achegou entre marzo e abril 1 millón de euros de anticipos polos servizos de transporte interurbano que se están prestando coas concesións actuais.

O Goberno galego segue a traballar a prol do transporte público, pois nun territorio tan disperso como o galego é fundamental para o funcionamento da sociedade e para que os cidadáns accedan aos servizos públicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.