A xuntanza co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia con Esquerda Unida axuda a definir o programa electoral en materia educativa

Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Esquerda Unida,Política

A xuntanza co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia con Esquerda Unida axuda a definir o programa electoral en materia educativa

No marco das xuntanzas con colectivos e asociacións de profesionais para perfilar o programa de cara ás Eleccións Autonómicas galegas, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e Loreto Taibo, membro da dirección de EU, reuníronse co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Dende este Colexio, as e os profesionais denuncian que a dotación de logopedas no Sergas non é uniforme e depende da área sanitaria, o que non garante equidade no acceso a este servizo sanitario, polo que sinalan que o óptimo sería cumprir co cociente estipulado dunha ou dun logopeda por 100.000 habitantes e, como mínimo, un profesional por cada área sanitaria.

Doutra banda, poñen atención da situación da Atención Temperá, que tamén varía as súas prestacións dependendo da zona, xa que nalgúns sitios o servizo o prestan os concellos e outros dependen do Sergas, converténdose nun problema para as familias e significa unha desigualdade o acceso.

Ademais, reclaman que se recupere o borrador iniciado pola Consellería de Políticas Sociais no que se concretaban as competencias de cada profesional do equipo de Atención Temperá, así como a figura do logopeda para as consellerías de políticas sociais e educación, isto implica que tamén haxa profesionais nas residencias de maiores e colexios.

Dende o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia entenden que, como mínimo, debería existir unha figura de logopeda itinerante, que no caso da consellería de Educación, asesorase ao profesorado.

Por último, poñen atención na figura do logopeda nas residencias de maiores, moi necesaria, por exemplo para tratar problemas como as disfaxias.