A Xustiza avala diferentes demandas de CCOO contra a precariedade nas Administracións públicas

Salienta unha sentenza do Tribunal Supremo que converteu en indefinida non fixa unha traballadora da Xunta que levaba case trinta anos como interina
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de CC.OO,Sindicatos

A Xustiza avala diferentes demandas de CCOO contra a precariedade nas Administracións públicas

Os servizos xurídicos do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia gañaron no último mes, e en diferentes instancias, varias demandas importantes contra a precariedade nas Administracións públicas. Entre os casos que agora dá a coñecer o sindicato salienta o dunha traballadora da Xunta que levaba case trinta anos como interina.

O Pleno do Tribunal Supremo, facendo seus os máis recentes pronunciamentos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, confirmou o veredicto contra a Consellaría de Política Social en Ourense. Mediante a sentenza emitida o pasado 24 de abril, obriga a converter en indefinida non fixa a denunciante, que levaba desde 1992 prestando servizos continuados na mesma praza.

O Alto Tribunal sinala que se trata dun contrato temporal de «duración inusualmente longa» —vinte e sete anos—, e repróchalle á Xunta de Galicia que non promovese «actuación ningunha para a cobertura regulamentaria da praza». Aínda máis, asegura que «brillan pola súa ausencia as actuacións tendentes a lograr a súa cobertura definitiva».

Paralelamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en sentenzas do 30 de abril e do 15 de maio deste ano, confirma a declaración de fixeza de dúas demandas presentadas por CCOO contra os Concellos da Estrada (Pontevedra) e do Barco de Valdeorras (Ourense), que afectan o persoal dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais.

A doutrina do Alto Tribunal galego, xa asentada, condena as Administracións locais á estabilización dos contratos temporais en fraude de lei cando se trata de prazas estruturais e cando os traballadores ou traballadoras accederon ao posto a través do oportuno proceso selectivo —respectando os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Así mesmo, a recente sentenza do Xulgado do Social n.º 2 de Ourense, do pasado 22 de maio, tamén declara a fixeza dunha traballadora do Concello de Castrelo de Miño que ten un contrato temporal —ao que accedeu mediante o proceso selectivo correspondente—, mais ocupa un posto de traballo estrutural.

Comisións Obreiras anima a todos os traballadores e traballadoras a que acudan ao sindicato para se informaren sobre as posibilidades de estabilidade nos seus postos na Administración pública. Así, as seccións sindicais e os servizos xurídicos farán un estudo personalizado da situación individual de cada persoa con contrato temporal.

CCOO mantén un compromiso serio, permanente e rigoroso de loita contra a precariedade no emprego, que afecta a gran número dos traballadores da Administración pública galega, tanto na Xunta de Galicia, como nos Concellos, Deputacións e outras entidades públicas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.