A Xustiza dálle a razón a CCOO e volve condenar a Xunta por vulnerar o dereito de folga do seu persoal

A Administración autonómica tivo que pagar milleiros de euros en custas xudiciais nos últimos anos por vulneración de dereitos fundamentais
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos

A Xustiza dálle a razón a CCOO e volve condenar a Xunta por vulnerar o dereito de folga do seu persoal

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve condenar a Xunta por vulneración de dereitos fundamentais. Neste caso, trátase do dereito á folga do pasado 8 de marzo. O Alto Tribunal galego acusa a Administración autonómica de comportamento «malicioso» en relación cos servizos mínimos e repróchalle que unha e outra vez teime en tomar decisións contrarias á lei. Como exemplo, a sentenza recolle outros nove casos dos últimos nove anos en que a Xustiza condenou a Xunta pola vulneración deste dereito fundamental. «Estas condenas custáronlle milleiros de euros ao tesouro público», lembra CCOO.

A resolución xudicial é de gran dureza contra a Xunta de Galicia, á que acusa de «comportamento malicioso» por un «atraso inxustificado» á hora de publicar o decreto de fixación dos servizos mínimos, amais de cualificalos de «desproporcionados» nalgún caso. O TSXG tamén coida «malicioso» o xeito en que se fixaron os servizos mínimos nalgúns ámbitos da actividade administrativa, «incorrendo a Administración nas mesmas vulneracións, ben de falta de motivación, ben vulneración do principio de proporcionalidade, que se repetiron en anteriores convocatorias de folga».

Malia que a sentenza do TSXG só estima parcialmente o recurso sindical, o Alto Tribunal galego considera que, debido á gravidade dos feitos e á reiteración nun comportamento ilegal, a Xunta de Galicia debe ser condenada ao pagamento da totalidade das custas xudiciais, e non só da parte proporcional ao recurso estimado.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta a «irresponsabilidade» da Xunta por teimar en condutas «que lesionan dereitos fundamentais das traballadoras e dos traballadores» e que, «aínda por riba», teñen un gran custo para o erario. «Se o PP é tan respectuoso coas leis e co patrimonio público, como preconiza, non se entende que cada ano dilapiden milleiros de euros do diñeiro de todas as galegas e galegos».