As ambulancias da rede pública do 061 non garanten a seguridade de pacientes e traballadores ante un posible contaxio por coronavirus

A FGAMT-CIG denuncia que a día de hoxe as ambulancias da Rede de Transporte Sanitario Urxente do 061 de Galiza e as da Rede de Transporte Programado dependente das EOXI non dispoñen de mascariñas para os pacientes nin equipos de protección individual para o persoal traballador.
Publicado por o día 18/03/2020 na sección de CIG,Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Sindicatos,Vigo

As ambulancias da rede pública do 061 non garanten a seguridade de pacientes e traballadores ante un posible contaxio por coronavirus

A FGAMT-CIG denuncia que a día de hoxe as ambulancias da Rede de Transporte Sanitario Urxente do 061 de Galiza e as da Rede de Transporte Programado dependente das EOXI non dispoñen de mascariñas para os pacientes nin equipos de protección individual para o persoal traballador.

As empresas concesionarias a través das que se prestan estes servizos non dispoñen de EPIs pese a que a CIG o solicitou por medio dos seus delegados de prevención xa dende o 6 de febreiro sen que fixeran nada para abastecerse.

O persoal técnico de emerxencias que presta servizo nas ambulancias necesita monos enteiros para garantir a súa mobilidade (tal e como se indica na lei de PRL), posto que o traballo que realizan implica, entre outras situacións, suxeitar pacientes contra o seu corpo, levantar pesos estirando os brazos por enriba da cabeza, agacharse en situacións forzadas ou axeonllarse para realizar técnicas sanitarias. As batas subministradas impiden os seus movementos e rematan por romperse.

Na actualidade a inmensa maioría de ambulancias de servizo público de Galiza límpanse e ou desinféctanse na vía pública onde transitan o resto de persoas por persoal non especialista e sen que se aumente a súa periocidade, convertendo as ambulancias e o seu arredor nun potencial foco de contaxio.

Tanto o Sergas como a Fundación Pública do 061 de Galiza preocúpanse de garantir o subministro de material para os servizos públicos que xestionan directamente e se limitan a asinar un documento de responsabilidade cos empresarios de ambulancias para que estes se encarguen de garantir a saúde e seguridade de pacientes, acompañantes e profesionais sanitarios. De que serve asinar un documento de responsabilidade cuns irresponsables?

Se as empresas concesionarias de ambulancias que prestan servizo para o Sergas non quixeron adquirir monos e mascariñas cando se lle advertiu para aforrar cartos e agora que non lles queda máis remedio non conseguen abastecerse, é o momento de que o Servizo Galego de Saúde asuma as súas competencias polo ben da cidadanía e rescate a concesión ás empresas privadas para comezar a prestar un servizo público de calidade que garanta a saúde das persoas e o cumprimento da lexislación laboral e de prevención.

A asistencia extrahospitalaria e o transporte sanitario é a primeira liña de batalla do sistema sanitario público, se non se protexe e se dota de medios, converterase en moi pouco tempo nun dos principais vectores de contaxio da poboación enferma e de risco.

As ultimas medidas decretadas polo 061 de Galiza son ante a falta de EPIs son:

– Que O técnico condutor non deba protexerse facendo que o outro técnico realice a asistencia sanitaria en solitario.

– Que os técnicos de emerxencia empreguen unha soa mascariña por garda de 24H.

– Que os técnicos de emerxencias trasladen aos pacientes contaxiados por dentro do hospital ata a súa cama para que o persoal do centro sanitario non se expoña, pese a non dispor do equipo de protección individual axeitado.

Existen casos nos que os técnicos de emerxencias seguiron traballando o resto da xornada logo destes servizos, tempo no que se que atenderon máis pacientes na mesma ambulancia, e que estas traballadores marcharon aos seus domicilios coas súas familias e só horas despois foron informadas dos positivos detectados. Na actualidade hai catro traballadores das ambulancias de Urxencias Sanitarias-061, dúas da área sanitaria de Santiago e outros dous da de Barbanza, que están en corentena despois de trasladar nestes vehículos a pacientes “que finalmente deron positivo” en coronavirus COVID-19.

Esta situación tan grave dáse pola escaseza de equipos de protección individual que ameaza co colapso de transporte sanitario nos próximos días, co aumento de casos positivos, de non solucionarse de inmediato. Por exemplo, na xornada de onte na ambulancia medicalizada de Santiago, a única existente para as áreas sanitarias de Santiago e Barbanza, había unha única máscara por traballador.

Na área sanitaria de Vigo (Vigo, Cangas e Moaña) calcúlase que en dous días xa non quedará protección de ningún tipo e en Lugo, na empresa Luis Iglesias Carreira SL nin sequera se poden comprar os EPIs e o material das ambulancias porque o xerente está desaparecido, logo de anunciar a entrada da compañía en proceso concursal.

O persoal das ambulancias non está incluído como persoal sanitario para a realización de probas de detección do Covid19 tendo que acceder a elas como calquera outra persoa, co aumento do tempo de confirmación. Non recibimos aínda ningún tipo de formación específica sobre unha situación como esta, sen precedentes no sistema sanitario.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.