ABANCA, Afundación e o Concello de Ponteareas asinan un convenio de colaboración cultural

A iniciativa recolle o proxecto expositivo «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel, que se poderá visitar a partir do 31 de maio no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas
Por o 13/05/2019 | Sección: Galicia,Ponteareas
ABANCA, Afundación e o Concello de Ponteareas asinan un convenio de colaboración cultural

O Concello de Ponteareas acaba de asinar esta mañá un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. O alcalde do Concello de Ponteareas, Xosé Represas; o director de Zona de ABANCA, Luis Martín Blanco; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, foron as persoas encargadas de ratificar, mediante rúbrica, a colaboración das entidades.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Como complemento didáctico, a Área Educativa de Afundación deseñou diversos obradoiros para os proxectos expositivos incluídos no programa «Corrente cultural», adaptados ás idades dos escolares, desde primeiro de infantil ata bacharelato e ciclos formativos. Así, os estudantes de Ponteareas desde educación infantil ata 3.º de primaria poderán participar na didáctica A auga e a vida, a vida e a auga; os de 4.º de primaria ata 2.º de ESO en Lume, terra, auga e aire; e os de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos en Auga, o sangue da terra. O teléfono de inscrición é o 986 333 210 ou o correo areaeducativa@afundacion.org.

«Auga. O sangue da terra», de entrada libre e gratuíta, poderase visitar a partir do 31 de maio e ata o 24 de xuño no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, de luns a venres en horario de 18.00 a 21.00 h e os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h.

A EXPOSICIÓN «AUGA. O SANGUE DA TERRA»

«Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.