ABANCA, Afundación e o Concello de Tomiño presentan a mostra de fondos fotográficos de Ruth Matilda Anderson

A exposición enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello de Tomiño
Publicado por o día 01/11/2019 na sección de Galicia,Tomiño

ABANCA, Afundación e o Concello de Tomiño presentan a mostra de fondos fotográficos de Ruth Matilda Anderson

ABANCA, Afundación e o Concello de Tomiño presentan a exposición «Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» no Mercado Municipal de Tomiño. O acto de inauguración tivo lugar esta mañá cunha visita guiada a cargo de Vanesa Sende e un acto de inauguración que contou coa presenza da alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González; o director de zona Condado Baixo Miño de ABANCA, Luis Martín Blanco; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante fóra do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a pedimento do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A devandita exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o vindeiro 24 de novembro, de martes a domingo en horario de 9.00 a 22.00 h.

Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a esta iniciativa, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. A colaboración de ABANCA, institución que comparte esta

premisa dinamizadora do coñecemento, posibilita que o legado fotográfico de Anderson poida ser contemplado en Galicia.

A EXPOSICIÓN

«Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» presenta un completo relato documental dunha época de transición debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós. Ruth Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións —a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926—.

No ano 1924 desembarcou no porto de Vigo, acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, e por un completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana. Tras as oportunas explicacións para gravar os impostos de entrada, pai e filla iniciaron unha expedición de, aproximadamente, un ano para documentar a esencia de Galicia que buscaba Archer Milton Huntington, reflectindo o traballo de campo etnográfico e o académico, de modo que se mostrase unha visión do estudo da cultura hispánica en todas as súas facetas. Para este propósito, Huntington recorreu á Clarence H. White School de fotografía en busca de profesionais que retratasen a España dos anos vinte, con dúas condicións en mente. A primeira, terían que ser mulleres, e a segunda, de relixión cristiá. Segundo o explicado polo conservador de The Hispanic Society of America, Patrick Lenaghan, este último condicionante podería responder, quizais, á «moral conservadora da época». Deste xeito, no ano 1921 Ruth Matilda Anderson foi contratada como fotógrafa investigadora na Hispanic Society e en 1924 partiu para España no primeiro encargo de Huntington. Acompañada polo seu pai, percorreu Galicia, aprendeu as linguas, castelá e galega, e os costumes, dirixiuse ás aldeas e falou coa xente. O seu trato tan próximo coas mulleres e homes de Galicia favoreceu que o seu traballo reflectise con tanto coidado e empatía a realidade galega dos anos vinte.

O CATÁLOGO DA MOSTRA

Esta exposición vén acompañada da reedición do catálogo « Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» articulado por máis de catrocentas cincuenta imaxes de Galicia que constitúe un testemuño dun tempo xa desaparecido. Recolle, ademais, un completo corpus textual integrado polas anotacións da propia Ruth Matilda Anderson, un texto que ela concibira como un bosquexo para o libro que habería de publicar sobre Galicia e as cartas, diarios e anotacións do seu pai. Todos estes testemuños, que se presentan tanto na súa versión orixinal en inglés, como en traducións en galego e castelán, son un relato de primeira man da realidade, especialmente rural, da Galicia dos anos vinte. Esta publicación está á venda en calquera dos puntos habilitados nas sedes de Afundación así como na súa páxina web, na tenda online de Afundación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.