ABANCA e Afundación asinan un convenio de colaboración cultural co Concello de Baiona

Por o 06/06/2018 | Sección: Baiona,Galicia
ABANCA e Afundación asinan un convenio de colaboración cultural co Concello de Baiona
Compartir en:

O Concello de Baiona acaba de asinar esta mañá un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia». Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

O alcalde do Concello de Baiona, Ángel Rodal; o director da oficina ABANCA de Baiona, Francisco Javier Rodríguez; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, foron os encargados de ratificar, mediante rúbrica, a colaboración das entidades. Tamés estaba presente na rúbrica, María Iglesias, Concelleira de Cultura de Baiona. Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 14 de xuño ao 15 de xullo na Capitanía Marítima de Baiona (Elduayen, 20), de luns a domingo en horario de 19.00 a 22.00 h.

A EXPOSICIÓN

«Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» presenta setenta imaxes que constitúen un completo relato documental dunha época de transición, debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós. Ruth Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións —a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926—.

Esta exposición é parte do programa estratéxico da Área de Cultura de Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. A colaboración de ABANCA, institución que comparte esta premisa dinamizadora do coñecemento, posibilitou que o legado fotográfico de Anderson poida ser contemplado en Galicia. O seu traballo asentou a metodoloxía investigadora que habería de adoptar The Hispanic Society of America, que, durante o pasado ano, expuxo unha escolma dos seus fondos no Museo Nacional do Prado.