ABANCA e Afundación reparten en Vigo máis de 150 menús diarios a menores en risco de exclusión social

O obxectivo é apoiar a infancia en risco de pobreza ou exclusión social, cuxa situación se viu agravada pola crise da COVID-19, garantindo unha alimentación saudable e nutritiva
Publicado por o día 29/07/2020 na sección de Galicia,Social,Vigo

ABANCA e Afundación reparten en Vigo máis de 150 menús diarios a menores en risco de exclusión social

ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, continúan desenvolvendo o programa «Cubertos» na cidade de Vigo, unha iniciativa levada a cabo en colaboración coa Fundación Juan Soñador e Cáritas Diocesana de Tui – Vigo mediante a que cada día se reparten máis de 150 menús saudables a menores en risco de pobreza e exclusión social da cidade olívica durante as vacacións escolares. O obxectivo de «Cubertos» é apoiar as familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán.

Habilitáronse tres puntos de distribución na cidade, todos eles en locais de Afundación, nos que 33 persoas voluntarias xestionan as entregas. En toda Galicia, este programa de apoio social conta coa implicación de 100 persoas do equipo da Obra Social de ABANCA e coa colaboración de 98 voluntarios e voluntarias tanto de ABANCA como de Afundación, quen se encargan de velar polo correcto funcionamento do programa, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo as familias.

VOLUNTARIADO SOCIAL

O programa «Cubertos» desenvólvese na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para iso, habilitáronse un total de 22 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

Os menús elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.