ABANCA e Afundación retoman o seu proxecto «Corrente cultural» co que percorren Galicia con propostas culturais

Levado a cabo en colaboración con concellos de toda a comunidades, propicia a realización de proxectos culturais fóra das súas sedes e salas de exposicións
Publicado por o día 06/08/2020 na sección de Eventos

ABANCA e Afundación retoman o seu proxecto «Corrente cultural» co que percorren Galicia con propostas culturais

Despois de ter que interromper o seu desenvolvemento debido á situación sanitaria derivada da extensión do novo coronavirus, ABANCA e Afundación retomaron o seu programa «Corrente cultural», un proxecto que, en colaboración con concellos de toda Galicia, traslada propostas culturais fóra dos seus espazos. O ano 2020 comezou coa organización das exposicións «Fillos do océano» no Barco de Valdeorras (onde tamén se levou a cabo unha representación teatral para escolares); «Auga. O sangue da terra» en Cervo e «Nós tamen fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española» en Malpica. A seguinte iniciativa sería en Vilalba coa mostra fotográfica «Fillos do océano», pero tan só puido permanecer aberta ao público uns días.

Despois duns meses, e tras tomar todas as medidas sanitarias precisas e establecer os protocolos necesarios para asegurar que quen desexe acceder a estas exposicións o faga con todas as garantías de seguridade, ABANCA e Afundación reactivaron esta «Corrente cultural» que o pasado mes de xuño pasou por Vilagarcía de Arousa con «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló», e en xullo por Caldas de Reis e O Grove con «Auga. O sangue da terra» e «Fillos do océano» respectivamente.

Agora mesmo atópase en Celanova, na Casa dos Poetas, coa exposición «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló» e en Sarria, na Antiga Prisión, onde se pode gozar da mostra «Fillos do océano».

A actividade continuará nos vindeiros meses e chegará en setembro a Boiro con «Fillos do océano», a Bergondo con «Nós tamén fomos emigrantes» e a Monforte de Lemos con «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló». No mes de outubro poderase visitar «Fillos do oceáno» en Cee e entre outubro e novembro, «Auga. O sangue da terra» no Rosal.

Esta aposta de ambas as dúas entidades para difundir cultura por toda Galicia, polos diferentes municipios e contando coa súa colaboración, constrúe unha rede de calidade que leva novas propostas máis aló dos edificios de ABANCA e Afundación, partindo do convencemento de que a arte é un elemento imprescindible para potenciar o coñecemento e o desenvolvemento das persoas.

AS EXPOSICIÓNS

«Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española» é unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época.

Na mostra «Auga. O sangue da terra» o fotógrafo Manuel Valcárcel realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor aparecen nesta mostra que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

«Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló» integra pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación e permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte español do século XX, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

Finalmente, «Fillos do océano», conformada por fotografías de Javier Tenente, é un proxecto que documenta, en diferentes lugares do mundo, a forma de vida da pesca artesanal. É tamén unha homenaxe a todos eses homes e mulleres que viven do mar e para o mar, do que obteñen todo o necesario para a súa supervivencia dunha forma sostible.

Comentar noticia

Your email address will not be published.