Abel Caballero apoia e presenta o 6º torneo de baloncesto 3×3 do C.B. Seis do Nadal – Coia

Por o 09/08/2016 | Sección: Baloncesto,Deportes,Vigo
Abel Caballero apoia e presenta o 6º torneo de baloncesto 3×3 do C.B. Seis do Nadal – Coia

Unha representación da Xunta Directiva e dos xogadores do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia presentoulle ao rexedor nun encontro no Concello a sexta edición do campionato de baloncesto 3×3 que se celebrará os días 19 e 20 de agosto do 2016. Abel Caballero trasladoulles o apoio municipal ao “seu esforzo polo baloncesto de base en Vigo”.

O alcalde recibiu o pasado luns 8 de agosto a unha representación da xunta directiva e do cadro de xogadores do Club Baloncesto Seis do Nadal entre os que se encontraban xogadores do novo equipo de Liga EBA, que lle presentaron a sexta edición do torneo 3×3 Seis do Nadal que organizan os días 19 e 20 de agosto nas instalacións do centro educativo. O evento contará co apoio municipal ao ser unha “cita significativa” e o club seguirá contando co respaldo do Concello “polo seu esforzo polo baloncesto de base en Vigo”.

Abel Caballero departiu coas xogadoras e xogadores e tamén saudou ao vigués Manu Ferreiro, nacido en 1990 e que xogará en Marín na LEB Ouro. Manu Ferreiro será o padriño da nova edición do torneo 3×3 dirixido a todas as categorías e acompañou á entidade en todo momento.

A inscrición para participar no campionato segue aberta ata o próximo luns 15 de agosto do 2016 e os premios para cada categoría seguen medrando grazas as colaboracións de diferentes entidades co torneo. Ademais esta nova edición será puntuable para o I Circuito Galego 3×3 e para o FIBA Planet.

torneo3x32016-2017