Abel Caballero esixe á Xunta diálogo e “solucións” para os comedores escolares

O alcalde urxiu este mércores a Núñez Feijóo a sentarse con Foanpas, a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos que xestiona o comedor de 2.500 nenos e nenas e as extraescolares doutros 15.000 en Vigo, cos que non se reúnen desde o 5 de agosto, para buscar unha solución que permita prestar estes servizos no novo curso.
Publicado por o día 26/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Abel Caballero esixe á Xunta diálogo e “solucións” para os comedores escolares

Logo de recibir onte martes a solicitude de entrevista, a reunión entre a directiva de Foanpas (a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas de Vigo e comarca) e o alcalde de Vigo produciuse hoxe mércores, para analizar en detalle a situación na que se atopan actualmente os comedores escolares, aulas matinais e actividades extraescolares xestionadas pola Federación.

Segundo explicou Abel Caballero en rolda de prensa posterior, Foanpas encárgase dos comedores de 25 colexios públicos e serve comidas a uns 2.500 nenos e nenas, ademais de asumir a atención doutros 15.000 escolares entre as aulas matinais e as actividades extraescolares, unha función que emprega a 900 profesionais. “E todo isto está en perigo porque a Xunta de Galicia non dialoga con Foanpas”, censurou.

“Foanpas propuxo á Xunta garantías da actuación nos comedores en términos de seguridade Covid, o cal soa moi razoable e moi sensato”, recordou o primeiro edil, o que pasaría por habilitar novos espazos e instalar pantallas de separación nos recintos. Caballero trasladou que a Federación pide á Xunta que asuma o custe de adoptar estas medidas e contratar ao persoal necesario para cumprir cos protocolos de saúde, con cargo aos fondos extra que recibe do Goberno de España para a atención educativa derivada da pandemia.

“O certo é que a Xunta de Galicia non dá resposta ás demandas, pero o peor é que nin sequera lles está a prestar atención porque a última reunión con Foanpas foi o 5 de agosto e desde entón a Xunta non lles convocou a ningunha outra”, asegurou. Caballero revelou que a Xunta enviou á entidade unha carta na que “non responden” aos seus requirimentos. “Volvo esixir ao presidente da Xunta, despois de ter falado coa directiva de Foanpas, que mañá mesmo os convoque a unha reunión para tratar os temas e buscar as solucións”, insistiu o alcalde, quen definiu de “patética” a ausencia de diálogo do goberno autonómico e de “inasumible e intolerable” a “desatención” ante problemas “gravísimos” para a educación e a conciliación laboral das familias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.