O TSXG confirmou a suspensión cautelar do ente supramunicipal, sen valorar o fondo da cuestión, nin a legalidade da constitución nin a validez dos acordos. O alcalde ve no contencioso-administrativo interposto pola Xunta a pretensión de Núñez Feijóo de “paralizar” a Área Metropolitana de Vigo.
En declaracións aos medios este martes, Abel Caballero asegurou que o recurso contencioso-administrativo presentado pola Xunta contra a constitución do ente responde a que o Partido Popular “perdeu a área nas eleccións”, non ostenta a maioría e “intenta vulnerar o dereito a constituíla”.
“Imaxínense que o Partido Popular tivera a maioría”, propuxo o alcalde vigués: “¿estarían facendo esta denuncia, levando o tema aos tribunais e dificultando e impedindo a constitución da Área Metropolitana? Pois non, o fan porque perderon. Paralizan a constitución da Área Metropolitana porque a perderon”, afirmou Caballero.
O alcalde emprazou á próxima convocatoria electoral para a resolución da cuestión. “O mandato practicamente pasou” e “no mes de maio os cidadáns volverán decidir sobre quen ten as maiorías e quen está polo tanto en condicións de constituír a Área Metropolitana”.
Abel Caballero valorou que “Feijóo nunca quixo a Área Metropolitana, non é a primeira vez”, en referencia a 2012, cando a Xunta de Galicia modificou a gobernabilidade do ente, eliminando o voto ponderado en función da poboación de cada concello. “Ese xa foi o intento do señor Feijóo de paralizar a Área Metropolitana; o segundo é a través destes recursos” presentados ante os xulgados.
“A partir das seguintes eleccións municipais de maio”, engadiu Caballero, “constituirase a Área Metropolitana coas maiorías que decidan os cidadáns e libre dos intentos de Feijóo de paralizala porque non a controla”. O presidente da Xunta, concluíu o alcalde vigués, “non asume que Vigo ten entidade propia, dinámica propia, capacidade propia, que ten un Área Metropolitana legal que tería que estar levada adiante”.
Noticias de última hora en Vigo