Abel Caballero: “Non imos ir a Madrid en Alta Velocidade por Santiago”

O alcalde insistiu en que a viaxe é máis rápida pola vía convencional do Miño e responsabilizou do actual mapa do AVE galego aos gobernos do Partido Popular en España e Galicia. Por outro lado, Caballero saudou “con entusiasmo” que Portugal prime o eixo ferroviario atlántico Lisboa-Porto-Vigo.
Publicado por o día 27/10/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Abel Caballero: “Non imos ir a Madrid en Alta Velocidade por Santiago”

O primeiro edil amosou este martes o seu “agrado” pola posta en funcionamento do tramo de AVE entre Zamora e Pedralba de la Pradería, cento dez quilómetros de nova vía de alta capacidade que acurta a duración da viaxe a Madrid en preto dunha hora, aproximadamente.

“Quero felicitar ao Goberno e aos gobernos que fixeron posible ese tramo de vía”, valorou Caballero, quen de inmediato constatou e amosou o mapa da Alta Velocidade en Galicia, cunha liña A Coruña-Santiago-Ourense-Madrid e outra que parte de Vigo a Pontevedra-Vilagarcía e Santiago, onde se enlaza co tren da cidade herculina á capital de España.

“Esta é a realidade da Alta Velocidade en Galicia”, denunciou o alcalde vigués, quen responsabilizou aos gobernos do Partido Popular, na comunidade e en España, un partido que “decidiu deixar a Vigo sen Alta Velocidade”. Caballero asegurou que o presidente galego, Núñez Feijóo, o anterior presidente do goberno central, Mariano Rajoy, e a súa ministra de Fomento, Ana Pastor, “meteron nun caixón” a variante directa Vigo-Ourense por Cerdedo no ano 2012. “Tivo que cambiar o goberno de España”, engadiu Caballero, “para que a demanda de Vigo fose atendida”.

Ante esta situación, e co AVE directo en fase de estudo hidroxeolóxico logo de aprobalo o actual Goberno de España, Abel Caballero incidiu en que “non imos ir a Madrid en Alta Velocidade por Santiago” e “non vou parar de denuncialo”, xa que a viaxe é máis larga, en quilómetros e en tempo, que polo percorrido convencional do río Miño.

Portugal

Tamén en materia ferroviaria, o alcalde de Vigo amosou o seu “entusiasmo” pola decisión portuguesa de primar a liña atlántica de Alta Velocidade, que conecta Lisboa e Porto con Vigo, comunicada a pasada semana pola ministra lusa de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa. “Vexo con entusiasmo a iniciativa que propón o Goberno de Portugal do eixo atlántico Lisboa-Porto-Vigo”, valorou Caballero: “Creo que e unha liña de Alta Velocidade que vertebra unha parte importantísima do eixo atlántico” e nesa vía “centraremos o noso esforzo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.