Abel Caballero pide unha reforma da Constitución que inclúa un apartado específico para os concellos

“Queremos competencias e recursos sobre o que de facto xestionamos: sanidade, educación, medio ambiente ou economía”. O presidente da FEMP defendeu esta mañá nun almorzo informativo a lealdade institucional na relación entre administracións.
Publicado por o día 06/11/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Abel Caballero pide unha reforma da Constitución que inclúa un apartado específico para os concellos

“Se a Constitución se escribira hoxe, tería un capítulo concreto dedicado aos municipios, cun apartado de competencias diferente, adaptado ás demandas cidadás do mundo no que vivimos”. Así se manifestou esta mañá o presidente da FEMP, Abel Caballero, no transcurso dun almorzo informativo organizado por Executive Fórume e celebrado en Madrid. A xuízo de Caballero, cando a Constitución se puxo en marcha hai corenta anos, nin as cidades nin a política eran o que son agora, “elementos que marcan unha nova dinámica, lugar e obxecto da actividade”, onde se producen “todos os eventos que definen a modernidade”. Todo o que sucede nas sociedades modernas, asegurou, sucede na cidade”.

Esa reforma debería contemplar a posibilidade de que os gobernos locais participasen en cuestións de interese para os cidadáns como a sanidade, educación ou cambio climático, que se producen nas propias cidades. Engadiu que as actuais urbes non son as de 1978 nin os pobos, que sofren despoboación, son os de entón, cuestións todas elas, ás que debería atender a realidade constitucional. Por iso, destacou, “demandamos desde o municipalismo a reforma da Constitución, tamén para cubrir ese valeiro que deixou o texto escrito hai 40 anos”.

Lealdade institucional

“Os concellos somos Estado e queremos exercer como Estado”, subliñou Caballero, un Estado que establece a súa forma de actuación desde o principio de tres administracións públicas, a Central, a Autonómica e a Local, que se articulan territorialmente segundo o establecido no artigo 137 da Constitución Española, e no que as tres gozan de autonomía para xestionar e levar adiante as súas propias políticas. “Non somos unha estrutura piramidal”, asegurou, antes de recordar que é outro artigo constitucional, o 140, o que garante de maneira específica a autonomía dos municipios.

Por isto e dado que as tres administracións teñen a súa autonomía, é fundamental “ter lealdade co Estado e na relación entre as administracións porque “senón algo non funciona”. Caballero referiuse á lealdade institucional como o “piar fundamental das relacións no Estado, sobre iso pivota todo”, e engadiu que “é un xogo de tres partes” no que “o ben superior é o interese dos cidadáns”.

Bos xestores

Caballero referiuse tamén ao papel xogado polos gobernos locais durante a pasada crise, e recordou que durante ese tempo foron a única administración que aforrou e conseguiu un superávit que salvou as contas do Reino de España. E neste senso criticou a “teoría peregrina da Airef” que di de quen cumpre que “se teñen superávit será porque lles sobra o diñeiro”.

Caballero subliñou, sen embargo, o “novo tempo” e o “cambio de ton” cara os concellos que ten o actual Goberno e anunciou que “xa sabemos que imos a discutir regra de gasto e teito de gasto, que nos orzamentos aparecerá o uso do superávit, que se ampliará o rango dos investimentos financeiramente sostibles”, asegurou. “O saudamos con satisfacción”, aludindo tamén ás taxas de reposición de efectivos locais e á futura norma sobre plusvalías municipais.