Abel Caballero presentou unha Festa da Reconquista de oito días, con pantalla xigante para seguir as representacións

O alcalde presentou este xoves, xunto con integrantes da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, o programa de actividades da Festa da Reconquista 2019. Entre as novidades, unha pantalla na Porta do Sol e un “posto violeta” contra a violencia machista.
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Abel Caballero presentou unha Festa da Reconquista de oito días, con pantalla xigante para seguir as representacións

“A Reconquista é unha festa que cada ano atrae a un maior número de xente e está collendo maior vigor e peso en toda Galicia”, afirmou Caballero. Isto débese á forma de celebración e desta romaría urbana no sentido máis tradicional con “aditamentos de modernidade”. Nesta edición adicaranse oito días, do 23 ao 31 de marzo, á representación histórica e recuperación dos feitos o que suporá unha presencia total e un maior número de actividades en todos os ámbitos.

A gran novidade desta 25ª edición da Reconquista será unha gran pantalla de televisión na Porta do Sol onde se poderá asistir en directo a representación central de toda a parte inicial, o asalto á porta da Gamboa cun plano cenital que permitirá ver a ambos bandos simultaneamente, e despois a parte do Porto. Desta forma facilitará aos espectadores non perderse ningunha das fases da tradicional representación do domingo 31.

A segunda gran novidade é que, por primeira vez, haberá un posto violeta no que, en caso de ocorrer algún incidente de carácter machista, contarán cun protocolo de actuación para os diferentes casos. As vítimas poderán acudir coa garantía de que serán escoitadas e atendidas. Este punto atoparase na confluencia da rúa Real coa Praza do Berbés.

Os organizadores destacaron que a Festa da Reconquista de Vigo está cada vez máis preto de ser proclamada Festa de Interese Turístico Estatal. Durante o fin de semana grande da Festa traballarán máis de 700 persoas caracterizadas para dar lugar a actuacións espontáneas que ambienten a Reconquista.

As actividades comezan o sábado 23 ás 18.00 na Praza do Berbés cunha homenaxe aos veciños e veciñas que idearon e desenvolveron a festa en 1994, fai 25 anos. Seguirá coa representación da destitución do alcalde afrancesado e o nomeamento de Vázquez Varela xunto a música, cantos de taberna, baile, etc. Para rematar a xornada terá lugar a cea da Reconquista.

O Mércores 27 comezará cunha actividade ás 10.30 na Praza da Laxe, mediante a cal se pretende transmitir o espírito da Reconquista aos 650 nenos e nenas asistentes. Farán un desfile polas rúas do Casco Vello que rematará cunha chocolatada na Praza do Berbés xunto coa actuación de Ce Orquestra. Ás 20:00 horas terá lugar a Final do Certame de Tapas Retapas. O Xurado pasará por última vez polos locais para tomar a decisión e emitir o fallo.

O Xoves 28 faranse públicos os premios do Certame Retapas e haberá un concerto da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 na Colexiata Santa María de Vigo.

O Sábado 30 ás 11 da mañá terá lugar a inauguración do mercado Festa da Reconquista da Vila de Vigo, no que haberá 250 postos de artesanía e hostalería e que durará ata as 23 horas. Ademais ás 21.00 na Porta do sol haberá un concerto de Treixadura. “A presenza de Treixadura na Porta do Sol é unha dimensión nova de entender a romaría”, afirmou o alcalde.

O Domingo 31 o mercado da Festa contará co mesmo horario que o sábado, de 11 a 23h. Ás 18.00 comezará a Representación da expulsión dos franceses na Porta do Sol con recorrido ata a Porta da Gamboa e finalizará Peiraos do Porto de Vigo. Coa novidade da gran pantalla na Porta do Sol para que ninguén perda a oportunidade de admirar a obra.