Aberta a inscrición para participar no roteiro da Ponte dos Cabalos que celebra o domingo 17

Trátase da andaina número 5 desta iniciativa, que se reedita debido ao interese mostrado por varias persoas participantes
Publicado por o día 11/06/2018 na sección de Galicia

Aberta a inscrición para participar no roteiro da Ponte dos Cabalos que celebra o domingo 17

Roteiros de Lalín informa de que se mantén aberto o prazo de inscrición para participar no roteiro da Ponte dos Cabalos, que se vai reeditar o vindeiro domingo, día 17 de xuño. As persoas interesadas poden apuntarse ata o día 14 a través da páxina web www.roteiros.lalin.gal.

A reedición desta ruta -que foi a número 5 da iniciativa- débese ao interese de varios afeccionados e afeccionadas por percorrer o citado itinerario, de modo que se abre novamente a oportunidade a todas e todos aqueles que desexen sumarse á realización do roteiro, ben porque queiran repetilo ou ben porque non puideran participar na ocasión anterior.

A ruta comezará cunha concentración dos participantes na Praza da Igrexa de Lalín ás 09.00 horas para dar saída ao percorrido ás 09.30 horas. O roteiro contará con tres itinerarios, de diferentes dificultades: baixa, media e alta, de 13, 16 e 22 quilómetros respectivamente.

O primeiro percorrido dirixirase a Lalín de Arriba, para pasar despois polos lugares do Campo do Malato, polo Cruce dos cinco camiños e pola aldea de A Veiga, para rematar en Carballeda, con regreso en bus dende esta localidade. Os que desexen facer o percorrido medio seguirán dende Carballeda ata Alperiz. Por outra banda, aqueles que desexen realizar a ruta de máxima dificultade, superarán Alperiz para chegar á parroquia de Parada e finalizar no río Arnego, na maxestuosa Ponte dos Cabalos.

Esta andaina conta cunha enorme riqueza paisaxística e natural, ademais de visitar variados elementos de enorme valor patrimonial e histórico. Entre estes destacan: o curso alto do río Pontiñas (paseo do Pontiñas), a antiga parroquia de San Cristovo da Pena -unha das antigas parroquias da xurisdición do Deza que pasou a formar parte de Xaxán e de Goiás, cuxa igrexa se erguía no lugar de O Cotiño- o Campo do Malato, onde se atoparon diversas lousas con arte megalítico, o peto de ánimas de A Veiga, a Igrexa Románica de Alperiz, o conxunto arqueolóxico de Alperiz integrado, entre outras, polas Mámoas da Cruz, onde se sitúa o coñecido como Altar do Sol, a igrexa de Parada, e a Ponte dos Cabalos que atravesa o río Arnego.