Abertal recibe a 34 nenos e nenas nas VI Mañás de Nadal

Por o 27/12/2016 | Sección: Social,Vigo
Abertal recibe a 34 nenos e nenas nas VI Mañás de Nadal

Outro ano máis, a Asociación Xuvenil Abertal (sita rúa Venezuela 3 baixo), socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, abriu as súas portas aos pequenos e pequenas de Vigo nas “Mañás de Nadal” desde o día 22 de decembro de 2016 ata o 5 de xaneiro do 2017, ambos incluídos. Rapaces e animadores (mozos/as de Vigo e comarca) reuníronse cada día, dende as 8,45 h. da mañá ata as 14,00 h. da tarde.

Na sexta edición do campamento, 34 rapaces/zas gozan das súas vacacións en Abertal, facilitando desta maneira que as súas familias poidan conciliar a súa vida laboral e familiar.

A programación do campamento estivo formada por varios tipos de obradoiros e xogos infantís. Por exemplo, obradoiros manuais, saídas, talleres de cociña, de reciclaxe, de adornos para a árbore de Nadal, xogos cooperativos, procuras de tesouros…

Así que este Nadal o centro de lecer xuvenil foi ocupado polas mañás por nenos e nenas de 3 a 12 anos. Queremos que Abertal sexa un lugar para rir, soñar, xogar, imaxinar e crear, de todo menos aburrirse.