Aberto o prazo de inscrición nunha xornada sobre medio ambiente e turismo sostible para mozas e mozos galegos e portugueses

Convócanse 30 prazas para rapazas e rapaces entre os 18 e os 30 anos que queiran compartir experiencias e co obxectivo de estimular o turismo sostible na Eurorrexión
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Medio Ambiente

Aberto o prazo de inscrición nunha xornada sobre medio ambiente e turismo sostible para mozas e mozos galegos e portugueses

A Xunta de Galicia ten aberto, ata o día 19 deste mes, o prazo de inscrición nunha xornada sobre medio ambiente e turismo sostible, que terá lugar na sede da Eurocidade Chaves-Verín do 25 ao 27 de setembro. Este curso diríxese a mozas e mozos galegos e portugueses entre os 18 e os 30 anos, ambos inclusive, e enmárcase no proxecto transfronteirizo Eurocidade 2020.

Os contidos desta acción formativa e o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A admisión será por orde de inscrición ata cubrir as 30 prazas que se convocan e os solicitantes seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación da praza.

A finalidade desta xornada é promover o turismo sostible na Eurorrexión. Desta maneira, o curso ofrecerá aos participantes a posibilidade de coñecer e valorar o territorio, para reforzar as súas sinais de identidade e espertar o seu interese por asentarse profesionalmente no mesmo co obxecto de contribuír ao seu desenvolvemento. Outro dos obxectivos desta iniciativa é impulsar a promoción de territorios rurais.

O programa do curso inclúe visitas ao establecemento Spa & Nature Park no parque Pedras Salgadas, na localidade portuguesa de Bornes de Aguiar; e á casa rural O Retiro do Conde, na poboación ourensá de Vilaza. Os participantes tamén se desprazarán ás cidades portuguesas de Chaves, para coñecer a Quinta da Mata; e Oímbra, onde visitarán a adega das Barrocas e farán unha ruta medioambiental e etnográfica polos lagares rupestres desta localidade.

Proxecto Eurocidade 2020

Esta xornada forma parte do proxecto europeo Eurocidade 2020, aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020. Ten como obxectivo consolidar a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sostible.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participa neste proxecto xunto coa AECT Eurocidade Chaves-Verín, a Fundación Galicia-Europa, o Instituto Portugués do Deporte e a Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas, o Concello de Verín e o Municipio de Chaves.