Aberto o prazo de inscrición para apuntarse nas actividades propostas polos espazos +60 de Afundación, a Obra Social de ABANCA, para o curso 2018-2019. Os interesados en participar poderán matricularse ata o vindeiro 21 de setembro en calquera dos 11 espazos +60 da entidade.
Para este curso deseñáronse novos programas que teñen como obxectivo o fomento da aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de programas interxeracionais e de voluntariado. De maneira transversal, os programas centraranse igualmente en crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas e en promover unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos, mostrando a persoas que abrazan esta etapa da vida con confianza e vívena de forma plena.
«O envellecemento é consecuencia da baixa natalidade, pero tamén dun incremento da esperanza de vida que se duplicou nun século. Na primeira década da pasada centuria, a esperanza de vida era de 40 anos, mentres que na actualidade se sitúa ao redor dos 83 anos, segundo datos recollidos no Instituto Galego de Estatística en marzo de 2018. Estamos, polo tanto, ante un gran logro que nos obriga a repensar a construción social da vellez e como afrontar o período vital que comeza tras os sesenta anos e que pronto durará case 30 anos máis. Neste contexto da revolución da lonxevidade, desde a Área de Envellecemento Activo de Afundación temos o reto de continuar innovando para desenvolver un modelo adecuado ás novas necesidades e expectativas das persoas maiores» subliña Sabela Couceiro, coordinadora da Área de Envellecemento Activo de Afundación.
OS PROGRAMAS DOS ESPAZOS +60
O reto da Área de Envellecemento Activo de Afundación é facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións baseadas no modelo de envellecemento activo promovido pola Organización Mundial da Saúde (saúde, aprendizaxe permanente, participación social e seguridade). Estas accións deben responder as súas necesidades e expectativas e adaptarse aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo da internet.
Deste xeito, os programas levados a cabo nos espazos +60 de Afundación desenvólvense ao redor de cinco liñas de traballo:
- Saber+, con actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en temas emerxentes. Durante 2017, máis de 1800 persoas participaron en accións formativas para aprender inglés, francés, italiano ou portugués.
- Cultura dixital, para facilitar a incorporación das persoas maiores ás novas tecnoloxías na súa vida cotiá. 2100 persoas participaron nestas actividades o pasado ano.
- Hábitos saudables, con actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar persoal e emocional ou nutrición, nas que se acadaron os 7000 participantes.
- Expresión artística, entre os que destacan varias agrupacións consolidadas que realizan actuacións no exterior, como as teatrais nos centros da Coruña, Pontevedra e Vigo; conta contos e monicreques en Betanzos, Ourense, Pontedeume, Pontevedra e A Coruña; ou corais e instrumentais en Ferrol e Santiago.
- Ocio activo e relacional coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas e naturais ademais da celebración de festividades tradicionais. 3000 persoas gozaron no 2017 destas saídas de ocio activo e cultural.
Ata o vindeiro 21 de setembro, os interesados en participar poden dirixirse aos Espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva:
A Coruña. Rúa Alta, 7 981 227 677 |
Ferrol. Praza da Constitución s/n 981 323 378 |
Betanzos. Cantón de San Roque, 3 981 772 911 |
Santiago. Carreira do Conde, 18 981 580 416/385 |
Pontedeume. Ferreiros, 20 981 431 304 |
Ourense. Rúa do Paseo, 6, 2º 988 236 303 |
Lugo. Carril do Mercado, 1 982 241 878 |
Monforte. Cardeal Rodrigo de Castro, 18 982 402 853 |
Viveiro. Travesía Mariña, 49 982 560 798 |
Pontevedra. Praza de San Xosé, 3 986 864 185 |
Vigo. Policarpo Sanz, 26 986 120 071 |
Noticias de última hora en Vigo