Aberto o prazo de inscrición para as tres Deporutas BTT que organiza a Deputación

As rutas, que sairán de Sabucedo, Caldas de Reis e Vigo, serán totalmente gratuítas e terán un límite de 300 participantes para cada unha
Por o 14/05/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
Aberto o prazo de inscrición para as tres Deporutas BTT que organiza a Deputación

Este luns 14 de maio abriuse o prazo de inscrición para participar nas tres DepoRutas BTT que organiza a Deputación de Pontevedra por segundo ano consecutivo. Deste xeito, a institución provincial dálle continuidade a unha iniciativa que estreouse con rotundo éxito no 2017, coas probas celebradas en Sabucedo e no Pontillón do Castro.

En concreto, neste 2018 as tres DepoRutas BTT terán lugar en Sabucedo, o 17 de xuño; en Caldas de Reis, Portas e Barro, o 2 de setembro, e, en Vigo, o 30 de setembro. Igual que aconteceu nas probas organizadas en 2017, as inscricións serán gratuítas e poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos ata un máximo de 300 participantes por proba.

A DepoRuta de Sabucedo, cunha distancia de 32 quilómetros, iniciarase nun marco espectacular como é o curro da Rapa das Bestas e continuará pola zona norte de Sabucedo alternando treitos de dificultade baixa con outro mais técnicos para, a partir do segundo terzo do percorrido, ir enlazando e cruzando diferentes parroquias do concello da Estrada, desfrutando ao seu paso de elementos de enorme valor cultural.

Pola súa banda, a DepoRuta que acollerán Caldas, Portas e Barro terá un percorrido de 25 quilómetros que arrancará na Carballeira de Caldas de Reis para dirixirse ao entorno da Fervenza de Segade. A partir deste punto tomarán dirección cara ao parque natural do Rio Barosa, achegándose despois ao concello de Barro para acabar regresando ao punto de inicio. Trátase dunha ruta asumible por tratarse dun percorrido bastante plano.

Por último, a DepoRuta BTT dos Montes de Vigo será a máis longa, con 40 quilómetros. A ruta discorre pola parroquia viguesa de Candeán, aproveitando parte da coñecida Ruta da Auga, na que os participantes poderán desfrutar dunhas magníficas vistas sobre a Ría de Vigo. Esta proba, malia ser máis longa, tampouco ten demasiadas complicacións técnicas.

Nestas DepoRutas BTT, a Deputación de Pontevedra porá a disposición de todos os e as participantes a cobertura de seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo sanitario, servizo de asistencia durante o percorrido, dous avituallamientos, servizo de lavado de bicicletas e servizo de vestiarios.

As inscricións para as tres DepoRutas BTT poden realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/es/deporuta).

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.