Aberto o prazo de inscricións da VI Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple en Vigo

O evento deportivo organizado pola Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) terá lugar o próximo 28 de outubro na Alameda Suárez Llanos
Publicado por o día 29/09/2018 na sección de Galicia,Vigo

Aberto o prazo de inscricións da VI Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple en Vigo

As inscricións para a VI Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple están xa abertas. O evento deportivo organizado pola Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple ( AVEMPO) terá lugar o próximo 28 de outubro ás 11:00 horas na Alameda Suárez Chairos (Bouzas). O rexistro dos participantes pode realizarse ata o próximo 24 de outubro na sede da entidade (Rúa Camilo Veiga, 44) e de forma dixital a través do portal do portal de Laptime (https://laptime.es/eventos/vi-carreira-solidaria-pola-esclerose-multiple-2/), empresa encargada do control técnico da carreira.

Tras a gran acollida do pasado ano, no que AVEMPO recibiu o premio Run Run Vigo 2017 á mellor carreira popular, a Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple chega á súa sexta edición. Nesta ocasión, a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple busca a participación de 2.000 persoas repetindo a fórmula de 2017: dúas carreiras de 5 e 10 quilómetros e unha
andaina de cinco quilómetros, modalidade estreada o pasado ano con éxito.

As 300 primeiras persoas en tramitar a inscrición na modalidade de carreira recibirán como regalo unha camiseta técnica da carreira, que se lle entregará no momento da recollida do dorsal. As 100 primeiras persoas en tramitar a inscrición na modalidade de andaina, recibirán pola súa banda unha mochila.

PERCORRIDO DE LA CARRERA

A saída e a meta da V Carreira Solidaria pola Escleroses Múltiple estarán situadas na Alameda Suárez Llanos e percorrerá as rúas Pescadores, Eduardo Cabello, Av. Beiramar, Jacinto Benavente, Coruña e Tomás A. Alonso, sumando unha distancia total de cinco kilómetros.

A carreira, de carácter competitivo e cronometrada, contará con dúas modalidades opcionais: 5 K (unha volta ao percorrido) e 10 K (dúas voltas ao percorrido). Ademais, e como novidade este ano, o evento contará tamén cunha andaina sen límites de idade, na que poderán participar menores acompañados dun adulto e todas aquelas persoas interesadas que non poidan ou non queiran participar na carreira e opten por facer o percorrido andando. Ademais, habilitouse un ‘Dorsal 0’ para todas as persoas que non participen na carreira pero queiran colaborar coa causa.

O evento converteuse nun alicerce importante para o mantemento dos servizos que ofrece a asociación. Tras moitos anos de loita, a redución de axudas que sufrimos nos últimos anos fai que a participación social e solidaria sexa máis importante e necesaria que nunca. Coa carreira, AVEMPO busca tamén difundir o labor que fai a asociación e sensibilizar á sociedade coa Esclerose Múltiple, unha enfermidade para a que aínda non existe cura e que afecta cada vez máis á xente nova.

QUE É AVEMPO?

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra ( AVEMPO), nacida en 1996, é unha entidade sen ánimo de lucro que ten por obxectivos axudar, informar e mellorar a calidade de vida dos afectados de Esclerose Múltiple e a súa contorna. Como socios de AVEMPO, todos os afectados de Esclerose Múltiple da provincia contan cun espazo onde centrar a procura de solucións e compartir as súas preocupacións con outras persoas coa mesma enfermidade. Na sede da asociación, eixo do noso labor, todos os socios que o precisan e desexan poden obter información e beneficiarse dos servizos que ofrece AVEMPO: fisioterapia, logopedia, psicoloxía, terapia ocupacional, traballo social, ioga, pilates e pintura.

QUE É A ESCLEROSE MÚLTIPLE?

A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade crónica, autoinmune e dexenerativa do Sistema Nervioso Central que afecta o cerebro e á medula espinal. É unha das enfermidades neurológicas máis comúns entre a poboación de 20 a 30 anos, con máis de 47.000 persoas afectadas en España. Trátase da segunda causa de discapacidade neurolóxica en adultos novos e afecta predominantemente ás mulleres. Á EM coñécella tamén como ‘A enfermidade das mil caras’, xa que presenta múltiples manifestacións e afecta a cada persoa de forma diferente. Na actualidade descoñécese a causa da enfermidade, polo que non existe aínda unha cura, pero si varios tratamentos modificadores do curso da patoloxía.