Aberto o prazo de solicitude para 48 prazas de novo ingreso na Escola Infantil Príncipe Felipe

A deputada Eva Vilaverde lembra que está aberta a familias de toda a comarca e que é a única de Galicia cun sistema de quendas que abre de xeito ininterrompido de 7.30 a 22.30 horas
Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Aberto o prazo de solicitude para 48 prazas de novo ingreso na Escola Infantil Príncipe Felipe

A Escola Infantil Príncipe Felipe, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ten aberto ata o vindeiro día 22 de xuño (inclusive) o prazo de solicitude para 48 prazas de alumnado de novo ingreso. A deputada responsable do centro, Eva Vilaverde, explica que quedaron vacantes 15 prazas para alumnado de 0-1 anos (nado no ano 2018), outras 13 para alumnado de 1-2 anos (2017) e 20 para alumnado de 2-3 anos (2016) logo de renovaren as matrículas das crianzas que xa estiveron na escola este curso.

Unha vez se peche o prazo de solicitudes baremaranse as peticións (tendo en conta a situación socio-familiar e económica), e a partires do martes 26 de xuño estará dispoñible a listaxe provisional de persoas admitidas e non admitidas no propio centro. A listaxe definitiva poderase consultar o venres 29 de xuño, abríndose a matrícula do luns 2 ao venres 13 de xullo en horario de 10 a 11.30 horas.

A deputada Eva Vilaverde destaca que a Escola Infantil Príncipe Felipe, xestionada pola concesionaria Chupetes, contou neste último curso con 115 nenas e nenos matriculados e é a única en toda Galicia cun sistema de quendas que abre desde as 7.30 da mañá ás 22.30 horas de xeito ininterrompido. “Deste xeito permíteselle aos pais e ás nais que traballan organizarse e deixar a súas fillas e fillos atendidos por un equipo educativo de calidade. Trátase da primeira escola infantil de Galicia que aplica un sistema para dar resposta a grupos de pais e nais que traballan en dúas ou tres quendas”, asegura.

Vilaverde lembra que a escola infantil da Deputación está aberta a tódalas familias da comarca e sinala que desde hai xa varios exercicios atende a demanda de familias de crianzas que nacerán no que resta de ano, a diferencia doutras escolas infantís públicas nas que non se dá a posibilidade de facer a matrícula para o alumnado aínda non nado no prazo oficial.

A Escola Infantil Príncipe Felipe, ademais da conciliación, ten tamén outro eixo de funcionamento, que se centra no aspecto educativo, co obxectivo de fomentar a autonomía persoal das crianzas e ter en conta as súas necesidades de afectividade e educación nun tramo de idade fundamental no desenvolvemento da súa personalidade.

Servizos

O equipo de persoal da escola está formado por unha directora, unha persoa de servizos xerais, sete educadoras pola mañá e dúas pola tarde, así como unha de reforzo. O centro ten servizo de comedor, que inclúe o almorzo, xantar, merenda e cea; servizo complementario diúrno; e servizo médico de urxencia propio do centro.

Hai dúas unidades de 0 a 1 ano, outras tres de 1 a 2 anos de idade e, finalmente, outras tres de 2 a 3 anos. As instalacións están formadas por oito aulas, unha para cada grupo de idade, con lavabos adaptados ás nenas e aos nenos, unha zona de aseo diferenciada para as crianzas máis pequenas e unha zona de descanso, e un aula de usos múltiples (entre os usos máis destacados ten o de aula audiovisual ou de psicomotricidade e comedor). Conta cun patio exterior tratado con materiais adecuados para o seu uso, zona de xogos, soportal e xardín con herba. Toda a edificación, de 487 metros cadrados, pertence á Deputación de Pontevedra.