Aberto o prazo de solicitude para obter a marca provincial de deportista DEPO-DAN e DEPO-PROMESA

O ano pasado obtiveron a marca provincial un total de 183 deportistas da provincia, 112 na categoría DEPO-DAN e 71 en DEPO-PROMESA
Publicado por o día 10/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Aberto o prazo de solicitude para obter a marca provincial de deportista DEPO-DAN e DEPO-PROMESA

A Deputación de Pontevedra publicou as bases reguladoras para a obtención da categoría de deportista de alto nivel DEPO-DAN e deportista promesa DEPO-PROMESA para o ano 2020. En 2019 a institución provincial recoñeceu a categoría DEPO-DAN a 112 deportistas da provincia e a DEPO-PROMESA a 71.

As e os deportistas que xa recibiran en 2019 o recoñecemento e continúen recoñecidos como deportistas de alto nivel pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia ou polo Consello Superior de Deportes na última lista publicada antes destas bases, renovaráselles a condición de deportista de alto nivel pola Deputación de Pontevedra de forma automática sen ter que facer ningún trámite.

Para os demais casos deberase cubrir o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal. Opcionalmente, as solicitudes tamén poderán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do martes 11 de febreiro.

Máis polo miúdo, para a obtención da categoría de DEPO-DAN será preciso levar polo menos desde o 1 de xaneiro de 2019 empadroada ou empadroado na provincia de Pontevedra ou ter nacido nela, acreditar estar en posesión da cualificación de deportista de alto nivel autonómico ou estatal na última lista publicada antes da publicación das citadas bases, posuír unha licenza deportiva vixente expedida por unha federación deportiva galega dunha modalidade olímpica, paralímpica ou de proxección internacional notoria, e non estar cumprindo sanción deportiva firme de carácter moi grave, ou administrativa en materia deportiva grave ou moi grave, tanto no momento da solicitude como durante o goce dos beneficios da mesma, e non estar inmersa ou inmerso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas nin nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.

No caso de querer optar á condición de DEPO-PROMESA, a ou o deportista terá que ter entre 12 e 16 anos. Dos puntos mencionados no anterior apartado, substitúese o de ter acreditado a cualificación de deportista de alto nivel por acreditar o nivel esixido pola Deputación de Pontevedra en base aos criterios de valoración que se especifican na convocatoria.