Aberto o prazo para inscribirse na xincana urbana

A concellería de Mocidade anima a participar na superación de vinte probas de diferente complexidade
Publicado por o día 10/10/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

Aberto o prazo para inscribirse na xincana urbana

A concellería de Mocidade e Benestar Social que dirixe Verónica Carrera convida a todos os mozos e mozas a participar na xincana que arranca na praza Maior o venres 19 de outubro.

Todos e todas as que desexen inscribirse nesta xincana de vinte probas diferentes, que se desenvolverán polo centro urbano, poderán facelo na OMIX situada na biblioteca municipal ata o martes 16 de outubro.

Con diferentes niveis de complicación e organizadas en dous grupos, un para os mozos e mozas de entre 17 e 30 anos e outro para o grupo de 12 a 16 anos, terán distintos horarios de arranque. O primeiro comezará ás 16 horas e o segundo grupo ás 18 horas.

A concelleira agradece a colaboración do complexo deportivo Álvaro Pino e da Deputación de Pontevedra para que esta proba de superación de retos sexa posible.

Esta actividade desenvólvese dentro do programa Mocidade Viva que ofrece ao longo do ano actividades de balde no centro urbano de Ponteareas demandadas polos propios mozos e mozas no estudo previo realizado para deseñar a programación.

O programa Mocidade Viva foi un exemplo de participación e de traballo en equipo no que os e as máis novas colaboraron coa concellería na configuración da oferta lúdico cultural específica para mocidade.

Outro dos obxectivos foi amosar que a cidade é territorio das persoas e que interactuar nas rúas e prazas é posible enriquecendo a actividade diaria cotidiá.

Ao remate da xincana, arredor das 21:30 horas o ponteareáns RDG actuarán na praza Maior.

“Dende a miña concellería traballamos para ofrecer un amplo servizo de apoio ás familias e ás persoas con programas específicos para as diferentes idades ou necesidades. Mocidade Viva contempla as demandas de lecer dos nosos mozos e mozas e fainos partícipes dos temas relacionados con eles e elas. Queremos que en Ponteareas teñan todo o que precisen non só a nivel formativo e deportivo, tamén de tempo libre”, explica Verónica Carrera.