Aberto o prazo para participar na consulta sobre asunción de responsabilidades da deputada Paula Quinteiro

Por o 22/05/2018 | Sección: En Marea,Política
Aberto o prazo para participar na consulta sobre asunción de responsabilidades da deputada Paula Quinteiro

O prazo para a votación telemática das persoas inscritas en En Marea, na consulta sobre a asunción de responsabilidades da deputada Paula Quinteiro, está aberto desde hoxe ás 10.00 horas no portal MEDRANDO. O peche da votación terá lugar mañá, mércores 23 de maio, ás 22.00 horas, e os resultados da consulta daranse a coñecer o xoves 24 ás 10.00 horas. O sistema de reconto será maioritario, e resultará gañadora a opción que teña maior número de votos dando lugar a fixar a posición política de En Marea.

A consulta consta dunha pregunta: “Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo de deputada do Parlamento Galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?”, e dúas opcións de resposta: SI ou NON. Ademáis, as persoas inscritas terán acceso, antes de exercer o seu voto, á fundamentación política e estatutaria da consulta e ao escrito da deputada Paula Quinteiro argumentando a súa posición.

Dende En Marea lembran que a votación é segreda e que os censos das organizacións políticas non se poden difundir. Son datos de máxima protección.