Aberto o prazo para solicitar praza nos campamentos polideportivos do Centro Príncipe Felipe en Ponte Caldelas

Publicado por o día 01/03/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Aberto o prazo para solicitar praza nos campamentos polideportivos do Centro Príncipe Felipe en Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas ten aberto ata o próximo día 23 de marzo o prazo para solicitar a participación nos campamentos de verán do Centro Príncipe Felipe, que organiza a Deputación Provincial.

Trátase dun proxecto que inclúe actividades de lecer que contribúan ao enriquecemento persoal. O campamento incorpora este ano saídas ao medio natural, tiro con arco, actividades acuáticas e obradoiros. Está destinado a rapaces nacidos entre os anos 2004 e 2011, ambos incluídos, que estean empadroados en Ponte Caldelas.

As familias poden elixir entre seis quendas distintas que van do 9 ao 14 de xullo, do 16 ao 21 de xullo, do 23 ao 28 de xullo, do 6 ao 11 de agosto, do 13 ao 18 de agosto e, finalmente, do 20 ao 25 de agosto. En cada unha das quendas hai 50 prazas (un total de 300 nas seis quendas), polo que é conveniente presentar a solicitude con certa antelación.

O custo da praza é de 125 euros, se ben as familias numerosas de ata 3 fillos terán un desconto do 20%. As familias numerosas de máis de tres fillos gozarán dun desconto do 30%.

Para solicitar a praza é necesario encher a folla e presentar DNI do pai/nai ou titor/a, DNI dos nenos ou libro de familia se non o teñen, certificado ou volante de empadroamento, fotocopia do libro de vacinas e, se é o caso, fotocopia do libro de familia numerosa.

As familias interesadas deben presentarse nos Servizos Sociais municipais de Ponte Caldelas de luns a xoves e de 9 a 14 horas, onde se lles axudará na tramitación.