Aberto o prazo de solicitude para optar ao aluguer social de dous pisos

As persoas interesadas nestas vivendas xa poden presentar as súas solicitudes. O último día para facer a inscrición será o vindeiro 17 de abril

O departamento municipal de Política Social mosense, informa de que xa se atopa aberto o prazo de inscrición para optar ao aluguer social de dúas vivendas propiedade municipal en San Eleuterio. Dito prazo prolongarase ata o día 17 do vindeiro mes de abril. Os requisitos que teñen que cumprir as familias beneficiarias destes dous pisos son estar empadroadas en Mos, estar inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública e ter uns determinados ingresos na unidade familiar. O prezo do aluguer establécese en función da renda da familia beneficiaria.

As vivendas destinaranse a domicilio habitual e permanente dos adxudicatarios. Entendese por ingresos  familiares os ingresos líquidos totais da unidade familiar nos seis meses anteriores a data da publicación destas bases, entendendo como ingresos as rendas de traballo, pensións, prestacións ou calquera outro ingreso que non se considere finalista.

Requisitos

Poderán acceder ás vivendas obxecto das presentes bases as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar reúnan os seguintes requisitos:

Atoparse inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública. Acreditar que a unidade familiar ten uns ingresos nos seis meses anteriores comprendidos entre 2.396,28 € (Subsidio básico da renda de integración social de Galicia por seis mensualidades) e 6.390,12  € (2 veces o Iprem por seis mensualidades). E carecer, ou ter perdido o uso, de vivenda en calidade de propietario, arrendatario, usufructuario ou calquera outro título en dereito que permita o seu uso e gozo, salvo cando concorran algunha das seguintes circunstancias:

Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada. Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ó interesado ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de urxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda. Ou habitar unha vivenda a título de arrendatario/a sempre que a renda desta sexa superior á establecida legalmente para as vivendas de promoción pública.

Outros requisitos a cumprir polos aspirantes a beneficiarios destes alugueres sociais son estar empadroado no termo municipal de Mos cunha antigüidade de tres anos ininterrompidos e inmediatamente anteriores o día de inicio do prazo de admisión de solicitudes, e estar ó corrente de todas as obrigas tributarias co Concello de Mos (tamén se entenderá estar o corrente cando teñan recoñecemento de aprazamento de débeda e xustificación de pago dos prazos vencidos ou solicitude inicial de fraccionamento de débedas).

Para os pisos E2 -1º B (4 dormitorios)  e E2 –Baixo C (3 dormitorios) a unidade familiar debe estar formada por un mínimo de cinco e catro membros respectivamente. Aos efectos de cómputo ás unidades familiares monoparentais se lles sumará un membro máis.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes está aberto e rematará o 17 de abril. Unha vez analizadas polos Servizos Sociais as solicitudes presentadas, procederase a elaboración e publicación dun listado de solicitantes admitidos e un listado de solicitantes excluídos.

Analizadas as alegacións presentadas e, no seu caso, subsanados os erros detectados, o órgano competente do Concello aprobará un listado de solicitantes admitidos definitivamente no proceso de adxudicación. Os listados definitivos de admitidos e excluídos, numerados correlativamente por orden alfabético, publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal.

Sorteo

A selección dos adxudicatarios do dereito a arrendamento das vivendas realizarase mediante sorteo público ante o Secretario Municipal, que terá lugar no día e hora indicado polo Concello a través dun anuncio publicado no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello de Mos,  ó menos con 48 horas de antelación, sen prexuízo de utilizar outros medios adicionais de publicidade. A asistencia ó acto do sorteo será libre, ca única limitación do aforo do local.

O número asignado no listado definitivo a cada solicitante será o número que lle corresponda para o sorteo. Para a selección dos adxudicatarios de cada vivenda, efectuarase o sorteo mediante a extracción aleatoria de bolas cos números asignados a cada solicitante , inseridas nun bombo de acordo cas regras que se expoñen a continuación:

Realizarase un primeiro sorteo para a vivenda de tres dormitorios ,con tódolos solicitantes que cumpran os requisitos, a continuación procederase á confección da lista de reserva por orde de saída con cinco solicitantes por vivenda a través dun novo sorteo. Posteriormente realizarase o sorteo da vivenda de catro dormitorios ,con tódolos solicitantes que cumpran os requisitos, e novamente do mesmo xeito a confección da lista de reserva con cinco solicitantes.

Noticias de última hora en Vigo

AlguerAluguer SocialConcello de MosPisos en AluguerSan Eleuterio

SIGUENOS EN TELEGRAM