Abren as súas portas con motivo da tempada estival o Parque da Auga de Sanguiñeda e a piscina ao aire libre de San Eleuterio

Son as dúas mellores opcións para refrescarse ao tempo que se goza do tempo de lecer en Mos
Por o 14/06/2017 | Sección: Galicia,Mos,Vigo
Abren as súas portas con motivo da tempada estival o Parque da Auga de Sanguiñeda e a piscina ao aire libre de San Eleuterio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, informaron de que hoxe mesmo producirase a reapertura, con motivo do inicio da tempada estival e coincidindo coas Festas da Rosa 2016, do Parque da Auga de Sanguiñeda, que xa conta con dúas fases acometidas e en funcionamento.

O Parque de Auga estará activo durante todo o verán de luns a domingo en horario de 12.00 horas a 14.00 horas pola mañá e de 16.30 horas a 21.00 horas pola tarde.

Na segunda fase do Parque, rematada en outubro de 2016, creouse un novo espazo recreativo para o aprendizaxe da viaxe natural da auga. Para elo reservouse unha superficie de 15,5 metros por 7,30 metros na que se instalaron diferentes elementos, que se sumaron ós instalados durante a primeira fase, e que representan o ciclo hídrico con traxectos alternativos de cursos de auga cos que os nenos aprenden xogando.

Deste xeito, no extremo oeste, hai unha cascada que alimenta un embalse cunha comporta manual dende a que a auga pode pasar a un río central cheo de obstáculos ou, polo contrario, ser evacuada a dous ríos afluentes de menor tamaño con divertidos circuítos alternativos regulados por comportas de paso que os cativos poden manipular. Un chorro de auga vertical con forma de paraugas no centro do parque representa as choivas torrenciais coma as que en ocasións provocan o desbordamento do mosense río Louro. O final do traxecto dos cursos fluviais desemboca no mar, que está representado cunha poza no extremo leste onde se recolle e evacúa a auga para a súa posterior reutilización, unha vez depurada.

En definitiva, trátase dunha ampliación do Parque da Auga de Sanguiñeda que ten un claro contido didáctico e lúdico, no que os máis pequenos poden aprender xogando, coñecer os fenómenos fluviais de desbordamento de ríos, os fenómenos hidráulicos dos embalses e as presas, as comportas e os elementos que permiten conducir a auga por traxectos distintos, a forza da auga nas cascadas naturais ou a enerxía hidráulica que move muíños.

Piscina de San Eleuterio

Pola súa banda o concelleiro de Deportes e tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, anunciou que o vindeiro venres, 16 de xuño, abrirá ao público a piscina de San Eleuterio, e permanecerá aberta ata o 15 de setembro.

Estas instalacións constan de dous vasos, un grande e un pequeno, destinado este último ó uso e desfrute dos cativos de menor idade. A piscina permanecerá aberta ao público durante un período total de tres meses: dende o 16 de xuño ata o 15 de setembro.

Previamente á posta en funcionamento desta área de lecer, dende o Concello de Mos realizáronse labores de limpeza xeral de ambos vasos con reposición de auga e realización dos correspondentes tratamentos da mesma.

Estes traballos de mantemento realizáronse, como non podía ser doutro xeito, e segundo informou o edil Alberto Méndez, “para que todo estivese a punto e en perfectas condicións de uso no momento da apertura da piscina que terá lugar este mesmo venres”. A Piscina de San Eleuterio foi inaugurada en xullo de 2010.

O horario de apertura da piscina será de 11.00 a 22.00 horas ininterrumpidamente durante os meses de xuño e xullo; e de 11.00 a 21.00 horas o mes de agosto e do 1 ó 15 de setembro. As instalacións, que constan de dúas piscinas: unha grande e unha pequena -para os nenos de máis curta idade- como xa se dixo, e de baños, contarán en todo momento cos servizos dun socorrista. A piscina está situada na zona oeste da urbanización de San Eleuterio, na parroquia mosense de Tameiga, xunto ó parque infantil e a pista deportiva.

Na piscina ao aire libre de San Eleuterio, dentro do programa municipal Actívate no Verán, impartiranse cursiños de natación ao aire librepara os máis cativos durante os meses de xullo e agosto. As clases impartiranse todos os martes e xoves en horario de 11:45 horas a 12:30 horas e irán dirixidas a nenos e nenas de 4 a 14 anos de idade. Nestes cursiño é necesario inscrición previa que poderá realizarse do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello, xa que as prazas dispoñibles son limitadas.

Tamén se impartirán clases de ximnasia na auga durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral. As sesións celebraranse tamén os martes e xoves, en horario de 11:00 horas a 11:45 horas na piscina ao aire libre de San Eleuterio. As prazas tamén son limitadas e a inscrición previa poderá realizarse ata o 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello.