Abren novamente o prazo para mudar do Hospital Álvaro Cunqueiro ao Hospital Povisa

O prazo para solicitar o cambio a Povisa comeza o 2 de novembro. 
Por o 31/10/2017 | Sección: Sanidad
Abren novamente o prazo para mudar do Hospital Álvaro Cunqueiro ao Hospital Povisa

O Servizo Galego de Saúde habilita o mes de novembro para exercer o dereito para cambiar de hospital ás persoas empadroadas nos concellos de Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Cangas e Moaña.

O prazo para solicitar o cambio a Povisa comeza o 2 de novembro.

Só se pertences aos centros de saúde de Pintor Colmeiro, López Moura, Nicolás Peña, Navia, Rosalía de Castro-Beiramar, Coruxo ou Coia.

Se queres mudar a Povisa, tes dúas opcións:

NO TEU CENTRO DE SAÚDE

1) Acode ao teu centro de saúde para solicitalo. Deberás levar o DNI, o cartón sanitario e o seguinte formulario, cuberto debidamente. No centro de saúde deberán facilitarche o formulario, aínda que podes descargalo aquí:

Descargar el formulario

EN POVISA 

2) Acode ao posto de información habilitado na planta baixa de Povisa, de luns a venres e en horario ininterrompido de 9:00 H. a 20:00 H., para xestionar o cambio. Neste caso só terás que levar o DNI e o cartón sanitario.

Preguntas Frecuentes sobre o cambio a Povisa

Se non pertenzo a ningún dos centros de saúde asignados, non podo cambiarme a Povisa?

Si podes. Nestes casos deberás previamente solicitar o cambio a uns dos centros de saúde incluídos na resolución: Pintor Colmeiro, López Moura, Nicolás Pena, Navia, Rosalía de Castro, Beiramar, Coruxo ou Coia. Unha vez feita esta xestión, poderás solicitar o cambio a Povisa.

¿Podo xestionar o cambio a Povisa doutra persoa?

Si podes. Só necesitas presentar o seu DNI e cartón sanitaria (ou fotocopia de ambos os documentos co anverso e reverso de cada documento na mesma folla da fotocopia) e a autorización de representante asinada pola persoa interesada.

Podes descargar a autorización aquí.

Se eu solicito o cambio a Povisa, ¿xestiónase o cambio de hospital de toda a miña familia?

Para xestionar o cambio de todos os membros da familia é necesario levar a documentación correspondente de cada un deles (DNI, cartón sanitario e autorización asinada por membros que soliciten o cambio). No caso dos menores, só pode solicitarse o cambio daqueles que teñan os 15 anos cumpridos.

Afecta á atención primaria?  Cambiará o meu médico de cabeceira?

O cambio de hospital non afecta á atención primaria, é dicir, a asignación de médico de cabeceira non se verá afectada.

Pode solicitarse o cambio de menores de idade?

Poden exercer o seu dereito a cambio de hospital os menores a partir de 15 anos.

O servizo de Pediatría forma parte do concerto?

Povisa ofrece un servizo de Pediatría, pero este non está incluído no convenio co Sergas.

Podo cambiarme se pertenzo a outro concello?

A resolución do Servizo Galego de Saúde permite exercer o dereito para cambiar de hospital ás persoas empadroadas nos concellos de Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Cangas e Moaña.

¿Debo facer algunha xestión de renovación se solicitei o pasado ano o Cambio a Povisa e foime concedido?

Se xa é usuario de Povisa, non se debe realizar ningún trámite.

Para calquera dúbida, podes escribir ao correo cambio@povisa.es