O Concello de Ribadumia informa de que o vindeiro luns, 26 de marzo, abrirase o prazo para a presentación de deseños de camisetas das “peñas” participantes na “XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das variedades autóctonas”.
O concurso, que implica a “peñas” e veciños de toda a comarca, vense celebrando con cada nova edición da popular festa de Ribadumia, e supón un aliciente máis para participar destes días de festexo e difusión das calidades dun caldo tan apreciado como o do Salnés.
As asociacións que desexen participar, deberán presentar un exemplar da camiseta deseñada nas dependencias do Concello, antes das 13:00 horas do martes 29 de maio. Tamén deberán facer entrega dun sobre pechado co nome da “peña” e os integrantes da mesma, un teléfono de contacto e o lema da camiseta no seu interior.
Para elixir aos gañadores, designarase un xurado conformado por un membro con experiencia no debuxo e outro con experiencia en fotografía, ámbolos dous coñecedores da festa, así como tres persoas designadas entre o Persoal Técnico e os Monitores Culturais do Concello. Este tribunal outorgará tres premios: un primeiro premio de 200€, un segundo de 100€ e un terceiro de 50€.
Os gañadores serán dados a coñecer o sábado 2 de xuño, na Carballeira de Barrantes, durante os actos centrais da “XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das variedades Autóctonas”.
Noticias de última hora en Vigo