Abuín responsabiliza o Sergas da falta de persoal no sistema sanitario público

A secretaria nacional de CIG-Saúde compareceu na Comisión de Investigación do sistema sanitario
Por o 09/01/2019 | Sección: CIG,Sanidad,Sindicatos
Abuín responsabiliza o Sergas da falta de persoal no sistema sanitario público

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lamentou esta mañá, na Comisión de Investigación sobre o sistema sanitario galego a súa “desnaturalización”, pola ausencia dos grupos da oposición que foron os “verdadeiros impulsores” da súa creación. Criticou o “veto imposto sobre persoas e asociacións relevantes no sistema sanitario” como asociacións profesionais, asociacións de doentes e persoal da sanidade pública e denunciou as consecuencias do modelo privatizador do Partido Popular.

A secretaria nacional de CIG-Saúde arrincou a súa comparecencia cualificando como “un fracaso” o modelo sanitario do PP, que considerou que se está a evidenciar agora na área sanitaria de Vigo onde, o seu propio xerente, Félix Ruibal, “é incapaz” de xestionala “coas medidas que el mesmo tomou e converteu en norma cando era director xeral de asistencia sanitaria”.

Máis con menos

Abuín acusou ao Partido Popular de pretender facer “máis con menos” e emprender unha política de recortes, precariedade, menos prestación e menos dereitos, coa que se suprimiron “sen alternativas, os planos de saúde que estaban vixentes: plano de atención primaria, plano de saúde mental e plan integral da saúde da muller”. Plans que, lembrou, agora pretenden retomar –agás o da muller-, “cun formato errado” e para os que demandou que “escoiten ás profesionais para que isto non quede nun titular de prensa”.

Lembrou que a CIG-Saúde vén alertando, desde o ano 2009, das consecuencias deste modelo sanitario baseado en incorporar, nos cargos máis relevantes, a persoas que favoreceron “os intereses das empresas privadas e non os intereses do servizo público” e acusou ao PP de apostar por un modelo sanitario hospitalario, “no que teñen unha maior participación as empresas privadas”.

Denunciou a creación das Áreas de Xestión Integrada “sen unha avaliación previa”. Un modelo que “empeourou” e favoreceu o “desmantelamento” das estruturas da atención primaria que “perdeu autonomía” e quedou funcionalmente “subordinada ás estratexias de xestión dos centros hospitalarios de referencia”.

Lei de Garantías para a sanidade privada

Do mesmo xeito criticou a Lei de Garantías, da que denunciou que equipara a sanidade pública á privada obrigando á/ao doente a ser atendida/o na sanidade privada; que avanzou no desmantelamento da atención primaria; que desregularizou o número de tarxetas sanitarias por profesional, que no Plan Mellora se fixaba en “1.200 por médica e enfermeira e 800 por pediatra”; que dificulta “a identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública, saúde laboral e socio-sanitaria, e as necesidades de Recursos Humanos”.

Xunto a isto cuestionou a modificación da Lei de Saúde de Galiza, deseñada para “eliminar as áreas sanitarias e dificultar aínda máis o acceso da poboación aos servizos sanitarios, empeorando as condicións laborais do profesionais e impedindo a continuidade dos equipos asistenciais”. Isto ademais de limitar os dereitos de información dos órganos de participación cidadá e de subordinar aínda máis a atención primaria aos interese hospitalarios, “sen capacidade de xestión nin planificación”.

Respecto do modelo de xestión clínica considerou “inaceptábel, na súa redacción, o texto presentado polo SERGAS” porque non garante a transversalidade; non fomenta o traballo en equipo; non establece mecanismos de participación do conxunto das e dos profesionais na toma de decisións e, ademais, permite que se fragmenten os procesos de selección e provisión do persoal, dificultando as garantías de igualdade, mérito e capacidade”.

Déficit de Recursos Humanos

María Xosé Abuín criticou con contundencia a falta de previsión da consellaría de Sanidade que sabía o número de xubilacións que se ían producir entre os anos 2011 e 2017 e o “déficit” de profesionais que isto ía ocasionar pero que utilizou estes datos “para eliminar emprego público sen tomar outras medidas de planificación sanitaria, poñendo en risco a prestación”.

Lembrou os plans aprobados e cuestionou que as únicas medidas que contiñan era a previsión da xubilación forzosa aos 65 anos, sen acompañala cun aumento de número de prazas MIR para manter a reposición de efectivos. “Agora a única medida que presentan é prolongar a vida activa até os 70 anos, sen pensar nas consecuencias que isto ten”.

Por iso denunciou tamén as consecuencias da imposición de taxas de reposición do 10% entre os anos 2011 e 2014; do 50% nos anos 2014 e 2015 e do 100% a partir de 2016, que derivaron nun importante déficit de persoal e xeneralizaron un modelo de “precariedade laboral, con contratos por horas e días provocando a migración dos profesionais, xa que estas condicións laborais impiden construír o seu proxecto de vida”.

Fronte a isto demandou “políticas de persoal integradoras, que nos permitan cuantificar as necesidades e as dotacións dos cadro de persoal” e lembrou a cantidade de veces que a CIG-Saúde se dirixiu á consellaría solicitando a convocatoria dunha comisión técnica “para abordar no ámbito do SERGAS o déficit de persoal en formación MIR e EIR nas categorías de Medica/o de Familia, Pediatra e Matrona”.

Atención primaria

Para a atención Primaria Abuín reclamou a recuperación das estruturas directivas propias nas actuais EOXI; a avaliación dos procedementos de derivación e interconsulta cara a atención especializada, tanto presenciais como mediante teleconsulta, con prioridade ordinaria, preferente e urxente; a avaliación de necesidades de profesionais en función do incremento das necesidades asistenciais; a definición de funcións, protocolos de actuación e carteira de servizos en enfermería e o desenvolvemento da zonificación tal e como estaba previsto na Lei de Saúde de 2008.

PACs “en pé de guerra”

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que o persoal que presta servizo nos PACs leva máis de 8 meses insistindo nas súas demandas de mellora de condicións de traballo, sen recibir resposta. Demandas que se resumen en que se dote a estes centros asistenciais de medica e enfermeira a todos os centros porque, na actualidade “hai centros onde só hai unha medica ou centros nos que non hai o mesmo número de profesionais dunha e outra categoría”.

Lembrou que durante este período tivo lugar o lamentable acontecemento no PAC da Estrada e denunciou as afirmacións, nesta mesma comisión dun membro do equipo directivo da EOXI de Compostela, director de procesos, que dixo que “se no PAC da Estrada ese día houbese a presenza dun médico non variaría o resultado, xa que este non podería realizar as manobras de RCP por non contar coa presenza dunha enfermeira, dado que non hai o mesmo número de profesionais dos dous colectivos e a enfermeira estaba ocupada noutra prestación fora do centro”.

Para Abuín é escandaloso que “sen ningún rubor, este señor constatara que nun centro sanitario non se pode realizar unha RCP por ausencia da enfermeira cando hai 7.000 enfermeiras inscritas nas listas de contratación do SERGAS”. Por iso afirmou que “lle están a dicir a poboación que cos seus recortes a vida dunha persoa vale menos que o soldo dunha enfermeira, e non acontece nada, este señor segue”.

Consecuencias das privatizacións

A este respecto a secretaria nacional de CIG-Saúde lamentou que non comparecera, nesta comisión, persoal dos servizos privatizados para que se coñeceran de primeira man as consecuencias negativas das privatizacións sobre a saúde das persoas. Lembrou que “está demostrado que o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento” e que precisamente foi neste ámbito onde se recorreu á privatización dos servizos.

En concreto fixo referencia á electromedicina para a que, dada a súa “elevada complexidade tecnolóxica” e o seu impacto na seguridade de usuarios e pacientes, se prevé “persoal con cualificación específica que siga os protocolos do fabricante e, ademais, empregue pezas orixinais cuxa validez quedou demostrada na avaliación da conformidade realizada no proceso de certificación para o marcado CE”.

Sinalou que isto é o que garantía o SERGAS até que chegaron as privatizacións e denunciou que agora hai “persoal que non acredita cualificación; equipos  sen reparar durante meses; non se respectan os protocolos establecidos polo fabricante; non se empregan pezas orixinais; non existe garantía das reparacións e non existen protocolos que determinen o bo funcionamento de equipo”.

Por iso demandou a súa reversión ao sistema público, así como a de outros servizos como central de chamadas, cociñas que son obxecto de programas de televisións, central de compras calidade do material ou o contrato de alta tecnoloxía, entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.