O académico da RAG Henrique Monteagudo reflexiona sobre as variantes lingüísticas nas Cantigas de Martin Codax

O trobador empregou por primeira vez o verbo ‘mirar’ en lugar de ‘ver’, rexistro singular actual do sur de Pontevedra
Por o 21/02/2018 | Sección: Cultura,Universidade de Vigo
O académico da RAG Henrique Monteagudo reflexiona sobre as variantes lingüísticas nas Cantigas de Martin Codax

As sete cantigas do Pergamiño Vindel agochan pistas de variantes lingüísticas que axudan a coñecer máis a fondo a Martin Codax e o contexto xeográfico e temporal da súa escrita. Sobre as súas características gráficas, léxicas, morfosintácticas e fonéticas reflexionou este mércores na Facultade de Filoloxía e Tradución o profesor da Universidade de Santiago de Compostela e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. O seu relatorio encádrase dentro do programa de actos organizado co gallo da exposición do Pergamiño Vindel en Vigo, que continúa mañá cos Xoves do Vindel.

Monteagudo foi presentado polo decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe e o profesor Bieito Arias, que destacaron tanto a relevancia histórica da presenza da cantigas en Galicia como a ampla experiencia do académico no eido da socioloxía e da literatura medieval trobadoresca. De feito, como explicaba ao comezo do seu relatorio, vén de publicar en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo, unha revisión dun dos seus libros publicado por Galaxia en 1998 sobre os tres trobadores da ría.

Segundo explicou Monteagudo, “a variación lingüística do Pergamiño Vindel e a súa comparanza co testemuño que nos ofrece os cancioneiros da Biblioteca Nacional e do Vaticano, dinos moito sobre o propio Codax e sobre cando, como e onde se produciu o Pergamiño Vindel e se incorporou á tradición escrita da lírica trobadoresca”. Remarcou que aínda que se trata de “unicamente sete cantigas brevísimas” pódense sacar moitas conclusións.

Entre os exemplos, sinalou algúns xa ben estudados e documentados de carácter tipográfico, como o uso das grafías -nn e -ll (bannarollos) para -ñ e -ll, as consoantes palatais nasais e laterais, que emparentan co Cancioneiro de Ajuda e coas Cantigas de Santa María de Alfonso X. “Estes dous exemplos, xunto co uso de mia, contrastan con banhar, olhos emha nos cancioneiros apógrafos italianos e cos textos antecedentes”.

Dende o punto vista fonético, centrouse en características tamén coñecidas, como o uso de irmana e salido, que conservan o -n e o -l intervocálico, algo que no galego medieval desaparece. Neste caso, os estudos parecen consensuar que son arcaísmos, formas antigas da tradición poética pre-literaria, “tan antiga que o galego aínda non perdera o -n e o -l intervocálico, algo que sucedeu nos séculos XI e XII”. Tamén se referiu á relevancia doutras variantes fonéticas como coidado e gardas, que aparecen no Vindel, fronte ás formas cuydado e guardas, que aparecen nos apógrafos italianos.

Mirar no lugar de ver, trazo singular que se conserva na actualidade

Fronte a estas características amplamente estudadas, Henrique Monteagudo centrouse noutros trazos lingüísticos do pergamiño e das cantigas de Codax menos estudados e fixo fincapé no campo léxico sobre o uso de sospirar, que no ámbito da cantiga de amigo só está nos textos de Johan de Cangas e Pero da Ponte e tamén o uso de ondas do mar que aparece só en Meendiño e Roy Fernandez de Santiago.

Con todo, para Monteagudo un dos trazos léxicos máis destacados das composicións de Martin Codax é o uso do verbo mirar en dúas cantigas, que emprega xunto con ver como sinónimos parciais. “Esta é a máis elocuente das variantes lingüísticas e, aínda que non chamara inicialmente a atención, é destacable dado que na lingua medieval non se empregaba o verbo mirar”. De feito, na lírica trobadoresca, ademais de nas cantigas de Codax, mirar aparece exclusivamente nas composicións de Pai Gomez Chariño e Pedro Anes Solaz. É dicir, os dous trobadores e o xograr que usan mirar son de Vigo e Pontevedra, o que se corresponde coa área actual na que se emprega este verbo no lugar de ver, “e iso algo nos di sobre a relación entre Codax e Vigo, temos nas súas cantigas as primeiras probas da historia da nosa lingua sobre o uso do verbo mirar”.

Outro trazo singular das cantigas de Martin Codax áo que se referiu o académico da RAG é a preposición ergas, que aparece ademais en textos dos trobadores Afonso Eanes do Coton e de Johan Lopez d’Ulloa. “Outras formas como ergoou erga son frecuentes, pero a variante ergas só aparece nestes tres autores”, explica. Finalmente, dende o punto de vista morfosintáctico, referiuse ao emprego da forma nullas, que no século XIII xa era un arcaísmo. “Dubidouse sobre se era unha forma literaria tomada da lírica trobadoresca occitana, pero todo apunta a que son formas autóctonas pero que xa se sentían como antigas nos comezos da tradición literaria galega”.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.