Acampada e Festa dos Símbolos de Alternativa Vaivén de Abertal

Preto de 200 rapaces, rapazas e familias participaron na Festa dos Símbolos que se celebrou en Vilán (Fornelos de Montes)
Publicado por o día 26/03/2019 na sección de Galicia,Social,Vigo

Acampada e Festa dos Símbolos de Alternativa Vaivén de Abertal

A Alternativa Vaivén do Centro Xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, celebrou a pasada fin de semana a Acampada e Festa dos Símbolos.

Preto 200 rapaces, rapazas desde os 6 aos 14 anos tiveron unha fin de semana de xogos, natureza e convivencia animados por preto de 20 animadoras e animadores durante o 23 e o 24 de marzo.

ADS, Saltimbanquis e Andainas, como así se fan chamar os tres grupos de idade gozaron de roteiros polos montes da contorna, xogos nas instalacións cedidas polos dominicos, culminando o domingo ao mediodía, coa presencia das familias, nun momento moi especial, a entrega dos símbolos correspondentes a cada un dos grupos.

Unha longa noite entretida

Á vez que os máis pequenos, Saltimbanquis, gozaban dunha actividade nocturna nos xardíns, os medianos achegáronse ao torreiro da festa para facer a súa especial xincana a escuras. Por outra banda, os maiores alongaron a noite co “xogo do camiño”. Unha vez dadas as boas noites, cada quen meteuse no seu saco e na súa tenda de campaña tentando durmir para gozar da mañá seguinte.

Un domingo familiar

Logo do almorzo, dos grandes xogos, dos obradoiros e de recoller toda a intendencia da noite, as familias achegaranse a Vilán para celebrar a “imposición de símbolos”. Eran as 12,00 h. cando algúns pais e nais conseguían atopar o lugar da celebración. Aínda que había moitas persoas que participaban por primeira vez, as que xa estiveran noutras ocasións estaban tan ilusionadas como a primeira vez.

Foi un pequeno xesto de compromiso, un momento especial no que se entregan os símbolos e caemos na conta o proceso persoal de cada un. A continuación compartimos o xantar preparado por un equipo de pais, xunto con outras especialidades de cada casa. Aproveitamos a sobremesa para conversar, coñecer de preto ás familias e xogar, o que mellor se nos da.