Achegámoste as novidades deste mes de febreiro da editorial Xerais

Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Cultura

Achegámoste as novidades deste mes de febreiro da editorial Xerais

NoticiasVigo.es achegate as novidades de Xerais que xa están chegando ás librarías neste mes de febreiro de 2020.

Palabras de Opoton O Vello

A novela Palabras de Opoton o Vello, de Avel·lí Artís-Gener está considerada unha obra de referencia da literatura catalá do século XX. Ambientada en Galicia, o autor quixo darlle a volta á historia nunha ficción na cal seis canoas aztecas parten de México no ano 1498 en dirección a Galicia para descubriren o novo mundo. Situada cronoloxicamente pouco antes do xenocidio de América, a novela fabula desde a ollada inocente ou desconfiada con que os aztecas observan e interpretan a vida e os costumes galegos de finais da Idade Media.Denunciando o feito de que un pobo se poida erixir en conquistador e dominador doutro, Avel·lí Artís-Gener parte do coñecemento das linguas propias de México, como o náhuatl, para realizar un xogo de espellos que fascina nunha novela chea de humor, magnificamente traducida por Eduard Velasco, e que supón unha férrea defensa da liberdade dos pobos e da convivencia das culturas.

Autor/a: Avel·lí Artís-Gener.

Tradutor/a: Eduard del Castillo Velasco.

Xero: Narrativa.

Veleno de tinta impresa

Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova… Un día, a protagonista coñece a Miguel Sawa, que acaba de chegar á Coruña para dirixir o xornal La Voz de Galicia, e decide dar un paso adiante. É o intre en que as novas máquinas, as linotypes, imprimen importantes cambios na composición da prensa e a sociedade coruñesa se debate entre o tradicionalismo e a apertura a novas ideas. Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro. Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, é unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño.

Autor/a: Xosé A. Neira Cruz.

Xero: Narrativa.

Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo, 2019.

Dente de leite

Dente de leite é ante todo un libro nostálxico, sobre a inocencia perdida, que parte do recordo dun verán na infancia. O cotián, desde a tenrura e a lucidez dunha nena, vai amparado na figura totémica da nai, omnipresente no proceso de aprendizaxe da cativa, malia que no futuro a lembranza converte a nai nunha estraña, como case todo o que poboaba a nenez. En dente de leite, amais de ollar a maternidade desde os ollos da filla, Arancha Nogueira constrúe a narrativa das medras nun poemario agridoce pero cálido, que abeira a infancia e a idade adulta dunha xeración que ansía o regreso da protección constante, da emoción da descuberta.

Autor/a: Arancha Nogueira.

Xero: Poesía.

XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu.

A póla branca

«A póla branca», que se inicia cun espléndido limiar sobre os haikus e a súa tradición, trasládanos á capacidade creativa de Xavier Seoane ante ese xénero e ofrécenos versos enormemente actuais, sintéticos, moi ocorrentes, persoais, capaces de abraiar. En palabras de Juan Martínez-Casanueva Viqueira, son haikus «máis preocupados por captar a impresión do momento, por atender a voz da natureza, por deixarse levar pola admiración ante todo acontecer que por dar cumprimento á formalidade do canon estrófico. Están entre o sentimento panteísta e o asombro cósmico, onde tamén hai sitio para a experiencia cotiá, o urbano, o pop».

Autor/a: Xavier Seoane.

Xero: Poesía.

Tres bichicomas, dúas illas e unha serea

Edelmira odia dúas cousas por riba de todo: a nata do leite e o seu nome. A primeira consegue eliminala cun coador vello, pero da segunda non hai maneira de librarse. Chámanlle así polo avó Edelmiro, e el tampouco lle gusta nada porque é un verdadeiro túzaro. Por iso, cando o seu pai lle anuncia que pasará o verán co avó en Marabilia, Edelmira non pode crelo. Van ser uns meses terribles!Mais todo muda na aburrida aldea coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas.Autor/a: Rosa Aneiros.

Ilustrador/a: Abi Castillo.

Xero: Infantil/Xuvenil. De 9 anos en diante.

Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018.

A formiga destemida

Unha formiga curiosa e valente decide afastarse do seu formigueiro para vivir novas experiencias. Polo camiño vaise atopar con animais que nunca vira e aprenderá a facer cousas que xamais imaxinara: tocar música, flotar na auga, voar… Tamén saberá da existencia dos humanos: serán tan malvados como contan? Sen temor ao descoñecido, está disposta a descubrilo por ela mesma. Unha fábula sobre a ansia de coñecemento e sobre a importancia de afrontar a vida sen prexuízos que nos limiten.

Autor/a: María Reimóndez.

Ilustrador/a: Iván Sende.

Xero: Infantil/Xuvenil. De 9 anos en diante.