Acordo Centro Galego de Barcelona con asociación sinalización Camiño de Santiago en Cataluña

Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Turismo

Acordo Centro Galego de Barcelona con asociación sinalización Camiño de Santiago en Cataluña

Dentro da súa estratexia de promoción do Camiño de Santiago en terras catalás, o Centro Galego de Barcelona chegou a un acordo coa Associació d’Amics del Camí de Sant Jaume, da localidade barcelonesa de Sabadell, para mellorar e manter a sinalización da Ruta Xacobea en Cataluña.

Mediante o citado acordo, socios voluntarios do Centro únense aos da asociación en saídas para pintar e manter en bo estado os sinais dos distintos treitos do Camiño de Santiago que discorren por Cataluña. Os ditos treitos parten da montaña de Montserrat e seguen por Igualada, na provincia de Barcelona, e Cervera, Tàrrega e Lérida, na de Lérida, ata terras aragonesas para enlazar co Camiño Francés. Ademais dos voluntarios, o Centro achega pintura para a sinalización. Paralelamente ás indicacións sobre o territorio, o acordo inclúe a posta a disposición dos tracks para GPS
e móbiles das distintas etapas do Camiño, unha solución tecnolóxica que facilita o seu percorrido.

Fundada en 1991, a Associació d’Amics del Camí de Sant Jaume de Sabadell traballa na recuperación e mantemento do Camiño de Santiago en Cataluña a través de actividades como a sinalización sobre o terreo, edición de guías e folletos, organización de excursións e de congresos, entre outras. Forma parte da Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

O acordo inscríbese na política de colaboración con institucións e entidades que desenvolve o Centro Galego de Barcelona para difundir os valores culturais de Galicia, entre os que concede unha especial atención ao Camiño de Santiago. Con ese obxectivo, cómpre destacar a iniciativa que, promovida polo Centro, foi aprobada o pasado mes de xaneiro por unanimidade no Parlamento de Cataluña dirixida a reforzar a Ruta Xacobea nesa Comunidade.