Acordo político do consello das Mareas respecto ao referendo catalán

Publicado por o día 24/09/2017 na sección de En Marea,Política

Acordo político do consello das Mareas respecto ao referendo catalán

No Consello das Mareas (máximo órgano de dirección de En Marea entre plenarios) celebrado o sábado, 23 de setembro de 2017, ratificouse o posicionamento de En Marea respecto a un tema de gran relevancia como é a situación de Cataluña e o referendo do 1-O.

Segundo os acordos tomados, dende En Marea entenden que o dereito a decidir é un dereito lexítimo e aceptado, polo que o pobo catalán ten dereito a exercelo e escoller libremente o seu futuro e a súa relación cos pobos que hoxe conforman o estado español e o resto do mundo. “O consenso do pobo catalán a favor do referendo debe ser atendido: darlle voz á cidadanía é a mellor maneira de resolver un problema político (que non xurídico), coma este. Enfrontar a uns pobos contra outros é a máis insolidaria das políticas”.

 “As liberdades conquístanse e mantéñense exercéndoas. Como exemplos, pódemos citar o dereito á folga (conquistouse facendo folgas), o sufraxio universal (que supuxo moitos enfrontamentos coa legalidade vixente daquelas), etc. polo que o dereito a decidir tamén se debe exercer. Tendo en conta ademais que o propio Estado español é o primeiro en incumprir coas súa propia legalidade ao establecer de facto un estado de excepción encuberto en Catalunya, dende a nosa formación rexeitamos as accións represoras dos dereitos e liberdades a representantes, funcionarios/as, institucións lexitimamente elixidas polo pobo catalán e cidadanía en xeral que se están a cometer, propias de tempos do totalitarismo”.

Por isto dende En Marea tamén “celebran” que xurdan iniciativas coma a do Manifesto do 1 de outubro, cuxo contido, fundado no dereito democrático a decidir, concorda co expresado xa anteriormente en múltiples ocasións, tanto pola propia formación como a través do seu voceiro Luís Villares.

Dende a formación participaron así mesmo nos espazos de diálogo coma o de Zaragoza que xurdan e se artellen para apoiar que o pobo catalán sexa quen de decidir libremente o seu futuro ao asumir que os conflitos políticos nunca se resolveron con represión e detencións, entendendo estes espazos como unha iniciativa complementaria e nunca entorpecedora do proceso do 1 de outubro en si.

“Polo compromiso activo co dereito a decidir do pobo catalán, en En Marea defendemos a convocatoria do 1 de outubro e enviaremos observadores en nome da nosa formación ao proceso, apoiando que haxa o máximo de mobilización e participación no referendo, para que sexa coñecida e respectada a vontade dos pobos de decidir democraticamente o seu futuro”.