Activan mañá a alerta laranxa por altas temperaturas na zona sur de Lugo e na zona do Miño de Ourense

O episodio comezará previsiblemente cara o mediodía e rematará a últimas horas da tarde

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por altas temperaturas na zona sur de Lugo e na zona do Miño de Ourense.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece cara o mediodía e se prolongue ata últimas horas da tarde. As temperaturas poderán acadar os 39 e os 40 graos.

Ademais, estará activo o nivel amarelo por altas temperaturas na zona interior da Coruña; centro de Lugo; sur, noroeste e Valdeorras en Ourense; e zona do Miño en Pontevedra. Neste caso, as temperaturas oscilarán entre os 35 e os 38 graos.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manterse hidratado, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM