A actividade “Caldelas Aventura” aprázase por mor do mal tempo deste domingo ao próximo día 18 de marzo

O Concello e a empresa especializada Galaicaventura, diante dos requisitos da montaxe, optan por agardar, pendentes da meteoroloxía
Publicado por o día 28/02/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A actividade “Caldelas Aventura” aprázase por mor do mal tempo deste domingo ao próximo día 18 de marzo

Caldelas Aventura, o evento lúdico para toda a familia que preparan o Concello de Ponte Caldelas e a empresa Galaicaventura aprázase, en principio ata o domingo 18 marzo. A actividade íase celebrar este domingo, 4, pero diante das previsións de frío e choiva  optouse por atrasala dúas semanas e maximizar as posibilidades dun domingo con bo tempo.  Os organizadores xa adiantan que se chegada a nova data tampouco se dan as condicións necesarias, volvería atrasarse a cita unha semana.

A actividade, cun custo de inscrición de só 5 euros (un prezo moito máis baixo do que adoitan este tipo de probas), ten carácter solidario. Toda a recadación irá a parar aos damnificados polos incendios forestais. A inscrición debe realizarse en grupos de 4 persoas, pero tamén é posible facela individualmente, porque todas as persoas serán asignadas a un grupo.

Caldelas Aventura, que está xa preto das 100 persoas inscritas, ten un tope máximo de 260 persoas. Para formalizar a inscrición basta con encher o formulario na dirección web http://www.galaicaventura.com/actividades/caldelas-aventura-6267.html.

A participación está organizada como unha actividade grupal con equipos compostos por catro persoas. Por tanto, haberá un máximo de 65  equipos. Todas as actividades e probas están enfocadas dun xeito divertido e non competitivo. De feito, as bases do evento mesmo prohíben correr e enfatizan que non haberá ningún premio aos primeiros clasificados, senón que todos os premios serán sorteados. Tan só hai que cubrir o circuíto dentro do horario previsto, é dicir entre as 11 horas e as 16 horas.

Dende a empresa Galaicaventura destacan que é unha  proba multiaventura, non unha carreira de orientación ao uso. Non é necesaria ningunha condición física e mesmo admítese a participación de nenos e nenas, sempre que estean nun grupo con presenza de adultos que se responsabilicen deles. De feito, é unha actividade idónea para facer en familia.

Consistirá en diversas estacións para ir superando diversas probas de habilidade, entre elas haberá rocódromos, cordas de equilibrios, tirolina e moitas sorpresas… Ademais colocaranse balizas de selado polas que terán que ir pasando os participantes. Toda a montaxe estará situada no centro urbano de Ponte Caldelas. As persoas participantes disporán dun plano para ir localizando estes lugares e ir sumando puntos.