Actividades para a promoción de hábitos de alimentación saudable no Mercado da Guarda

Publicado por o día 29/05/2019 na sección de A Guarda,Galicia

Actividades para a promoción de hábitos de alimentación saudable no Mercado da Guarda

O mercado da Guarda participa un ano máis na campaña da Xunta de Galicia “Quere o teu mercado” que, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, ten como obxectivo  apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes.

Este sábado os praceiros e praceiras da Guarda repartiron diferentes obsequios desta campaña, unha actividade que engloba dúas accións máis, revitalizando o papel tan importante deste sector.

O mércores 29 de maio o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a Concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes, participaron na presentación das actividades que se celebran no Mercado da Guarda a través da Campaña de Dinamización comercial «Clic ao Mercado».

Segundo Antonio Lomba, «é moi importante atraer ao sector máis xove da cidadanía para que merque no Mercado da Guarda, o sorteo de 5 bolsas de compra por importe de 70€, axudará a que este segmento da poboación sinta interese e se achegue ata este espazo comercial, tan importante para a vila.»

Montserrat Magallanes destacou a importancia dunha alimentación saudable, destacando o   potencial que ten a Praza de Abastos coma nexo comercial da vila, así coma a calidade e variedade dos produtos ofertados, xunto co trato personalizado e atención que prestan aos clientes os praceiros e praceiras.

As dúas accións programadas no mercado da Guarda son:

Familia, que comemos hoxe?

Unha charla dirixida principalmente ás familias con nenos e nenas na etapa chamada de primeira infancia coa intención de poñer en valor os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza á hora de elaborar menús saudables e nutritivos.

Esta charla pretende ser moi dinámica e participativa e terá lugar no propio mercado o vindeiro sábado día 15 de xuño en horario de 11:00h a 13:00h.

Concurso Clic ao mercado

Dende o 27 de maio, en colaboración cos comerciantes do Mercado de Abastos Municipal da Guarda, se ven de lanzar un Concurso a través da Páxina de Facebook do «Mercado de A Guarda» para o Sorteo de 5 Bolsas de 70€ de compra nos establecementos do mercado.

Esta campaña de promoción pretende achegar a xuventude e mocidade guardesa  ao Mercado de Abastos Municipal, incentivando as compras neste sector da poboación e promovendo hábitos de alimentación saudable.

A Campaña “Clic ao Mercado” está destinada á mocidade con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos, que poderán entrar no concurso de cinco bolsas por valor de 70 euros para mercar en, como mínimo, tres establecementos das distintas seccións do mercado(carnes, peixes, froitas e hortalizas).

Para poder participar, as persoas interesadas terán que darlle a me gusta, compartir e comentar na imaxe da campaña a través da páxina de Facebook oficial do Mercado da Guarda en Facebook etiquetando a dous amigos/as entre o 27 de maio e o 27 de xuño.

Os resultados do sorteo farase público o 28 de xuño e as bolsas poderán utilizarse ata o 28 de xullo.