Acto de clausura online do programa DERI de IESIDE, a primeira escola de verán virtual China-Galicia

Desde o pasado 20 de xullo, 20 estudantes chineses participaron neste Diploma Elemental de Relacións Internacionais, que ten como obxectivo mellorar as destrezas lingüísticas dos participantes e adquirir coñecementos básicos da empresa
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Eventos,Formación

Acto de clausura online do programa DERI de IESIDE, a primeira escola de verán virtual China-Galicia

IESIDE vén de celebrar o acto de clausura online do DERI, a primeira escola de verán virtual Galicia-China, unha innovadora experiencia na que participaron 20 estudantes chineses e que foi desenvolvida en colaboración coa Universidade de Economía e Comercio Internacional de Beijing, UIBE, unha das máis prestixiosas do país. Da apertura do acto encargouse Begoña Jamardo, profesora e Coordinadora Internacional de IESIDE. A continuación interviron Ariana e Serena, representantes do estudantado, quen aseguraron que «foi un verdadeiro reto que as clases fosen impartidas en español, xa que só levamos un ano estudándoo, mais, afortunadamente, cursos coma o DERI son perfectos para nós. Puidemos practicar e escoitar o español así como debater en grupo, ademais de aprender moito sobre a cultura e a economía de España. Agardamos que a pandemia remate pronto para podérmonos reunir».

O claustro do programa tamén quixo destacar o bo funcionamento do mesmo a pesares «das circunstancias actuais, que nos impediron vivir moitas experiencias mais aportáronnos outros xeitos de relacionármonos, de comunicar e de transmitir. Só temos palabras de agradecemento polo seu esforzo e atención».

Zhen Haoyu, decana de UIBE, foi a encargada de rematar o acto poñendo en valor «a iniciativa e capacidade de innovación de ambas as dúas institucións organizadoras que fixeron posible que hoxe nos atopemos celebrando a clausura do curso». A decana tamén quixo expresar a ledicia da institución educativa chinesa por «contar con IESIDE como o que sodes, socios e colaboradores nesta difícil pero preciosa tarefa de educar».

O programa DERI (Diploma Elemental de Relacións Internacionais) celebrou a súa primeira edición como alternativa ao Diploma Avanzado en Relacións Internacionais, DARI, o primeiro programa español de negocios internacionais de carácter intercultural que se imparte en Galicia e que este ano non se puido celebrar de xeito presencial debido ás restricións ás viaxes internacionais impostas polo impacto da COVID-19.

O DERI é un programa intensivo de dúas semanas de duración no que participaron 20 estudantes de UIBE e ten como obxectivo a adquisición de coñecementos básicos do mundo da empresa así como o desenvolvemento de destrezas orais e de escoita activa en español por parte dos participantes. Deste xeito, os estudantes recibirán formación en márketing e economía internacional así como en español comercial. Potenciaron as súas destrezas comunicativas e adquiriron coñecementos empresariais para o seu futuro laboral, aprendendo a realizar correctamente unha entrevista de traballo por videoconferencia, a deseñar o seu perfil profesional nas redes sociais ou profundando na Unión Europea e nas relacións comerciais actuais entre China e España.

O programa impartiuse en modalidade sincrónica e a súa metodoloxía e tecnoloxía adaptáronse para garantir a máxima calidade na transmisión e seguimento por parte dos estudantes. As sesións en liña complementáronse con materiais audiovisuais adaptados para canles como Bilibili ou Youku e accesibles a través da plataforma educativa EDMODO, adquirida en 2018 polo xigante chinés 2018 Netdragon e moi popular desde 2014 no sistema educativo chinés.

UIBE

A Universidade de Economía e Comercio Internacional (UIBE), fundada en Beijing en 1951, foi pioneira no seu país ao ofertar graos e programas de máster en inglés. Con máis de 16.000 estudantes, entre os que se atopan 3200 estranxeiros procedentes de máis de 130 países, UIBE é unha universidade multidisciplinar que imparte máis de 50

especialidades nas áreas de comercio internacional e economía, administración comercial, finanzas, linguas estranxeiras aplicadas ao ámbito dos negocios ou dereito internacional.

En 2019, unha delegación institucional de IESIDE, encabezada polo seu reitor presidente, Miguel Ángel Escotet, realizou unha visita institucional a Beijing para ampliar o ámbito do convenio subscrito en 2016 con esta universidade, pioneira e líder pola súa especialización no ámbito empresarial e que figura entre as 10 mellores das 2800 do país pola súa calidade e a alta empregabilidade dos seus graduados. Nesta viaxe estableceuse así mesmo unha nova liña de cooperación coa súa prestixiosa Business School, que goza da tripla coroa de acreditación internacional. Este novo proxecto educativo, no que se enmarcan o programa virtual DERI e o Diploma Avanzado de Relacións Internacionais ( DARI) persegue dotar ás empresas de ambos os países de talento novo altamente cualificado e con dominio dos idiomas chinés, español e inglés para potenciar a expansión de investimentos empresariais en ambos os territorios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.