Acto por vivenda digna e minuto de silencio por compañeiro empobrecido finado nun choupano de Vigo

Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Acto por vivenda digna e minuto de silencio por compañeiro empobrecido finado nun choupano de Vigo

O foro socioeducativo Os Ninguéns convocan o venres, día 24 de xaneiro, unha concentración fronte ao Mercado do Calvario, ás 11:00h da mañá, para denunciar o insoportable aumento de despexos por impago de aluguer na nosa cidade.

Segundo un informe da oficina xudicial de notificacións de desafiuzamentos, no ano 2019 alcanzouse a cifra de 571 desafiuzamentos, namentres no 18 foron 405. Precisamos con urxencia grave un parque público de vivenda social en aluguer, coordinado entre a Xunta e o concello de Vigo.

Tamén reivindicamos que as persoas que se atopan en situación de senfogarismo acollidas nos albergues da cidade non estean limitados a dez días de pernoita, sendo botados desta acollida a sabendas de que voltan aos perigosos, insalubres e infrahumanos choupanos.

Ao fío do segundo punto, queremos ter un recordatorio especial para o último empobrecido finado na nosa cidade en situación de carencias severas, o compañeiro Francisco José S.B, alias *Vikingo*, de tan só 29 anos, atopado morto nun choupano cercano ao Casco Vello o venres pasado, 17 de xaneiro.

Faremos un minuto de silencio en sinal de respeto e loito colectivo e mostraremos a nosa raiba e dor por este novo golpe que tristemente ilustra cómo existe un Vigo sombrío que sofre sen paliativos.