Actuacións en directo, exposicións teóricas e creatividade sen fin no primeiro obradoiro que afonda na ideoloxía da música no S.XX

O interese dos asistentes derivou na proposta dun novo taller para o segundo cuadrimestre
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Actuacións en directo, exposicións teóricas e creatividade sen fin no primeiro obradoiro que afonda na ideoloxía da música no S.XX

Comeza a conta atrás para o remate do obradoiro De Dylan a Siniestro Total. Ideoloxía e música no século XX, organizado este ano por primeira vez pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e que, tivo unha grande acollida, contando coa participación de 18 persoas, cando o número máximo de prazas ofertadas era 20. O taller, que remata hoxe xoves, incluíu, ademais de exposicións teóricas, interpretacións musicais en directo das que as persoas asistentes puideron gozar ao mesmo tempo que aprender. Sinala o director do taller e músico, Bosco Gil de Gárate, que “nunha valoración previa eu diría que o que máis gustou foron as interpretacións en directo e coñecer con mais detalle a historia dalgúns temas icónicos da cultura dos que o alumnado descoñecía a forte compoñente reivindicativa”.

Durante as sesións, que comezaron en outubro, o obradoiro centrouse na revisión das principais figuras da canción social ou canción protesta dende os seus inicios a finais do século XIX ata o último cuarto do século XX. Para isto, estudáronse a referentes como Joe Hill, Woody Guthrie, Odetta, Joan Báez, Bob Dylan, Víctor Jara, Patti Smith, Kathleen Hanna, Voces Ceibes, etc. “Tratei de non deixar fóra ningunha figura relevante, aínda que é difícil tendo en conta as limitacións de tempo”, remarca Bosco. A maiores das exposicións teóricas, as cales sempre foron acompañadas de soporte audiovisual, nas sesións finais houbo “máis espazo para a creatividade” e tamén interpretacións en directo nas que participaron distintos artistas vigueses como Rubén Xuárez e Antonio Tato. “Rubén Xuárez, compañeiro meu na banda Family Folks, é todo un referente na música viguesa, coñecido pola súa traxectoria con Foggy Mental Breakdown e Os High Sierras. Antonio Tato, é un artista emerxente de innegable talento, que ademais é un dos meus cantantes favoritos dos últimos anos”, apunta o músico.

Punto de encontro de persoas de todas as idades e perfís

A idea do taller xurdiu de mans da directora da Área de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo e docente do Departamento de Lingua Española, Susana Rodríguez quen, explica Bosco, lle expresou a súa preocupación pola carencia de formación ofertada pola UVigo no referente á historia da música. A directora, “que é investigadora en cuestións de ideoloxía de discurso” subliña Bosco, e mais el,  consideraron “unha fórmula novidosa para crear un obradoiro no que fixésemos un repaso da historia da música no século XX a través da influencia ideolóxica no propio discurso, é dicir, co foco posto no posicionamento político e social das e dos principais intérpretes”. É así como naceu o obradoiro que finalmente contou coa participación tanto de persoas que xa remataron os seus estudos, como de alumnado en xeral, incluído o do programa de maiores, profesorado e persoal administrativo da UVigo, todos eles con un interese común polo mundo da música e a súa historia.

Dun primeiro achegamento a unha nova proposta

O obradoiro, que dende o minuto un tivo como obxectivo “achegar ao alumnado inscrito á historia da música do século XX, rescatar do esquecemento a personaxes que buscaron un mundo mellor a través da música, fomentar a creatividade e permitir un espazo para que os participantes gozasen das interpretacións en directo de temas clave na referida historia”, explica Bosco, rematou por dar lugar a unha nova proposta de taller. E é que “foi tal o interese expresado polo alumnado durante a docencia da actividade”, asegura Bosco, que tanto el como  Susana decidiron presentar unha nova proposta de taller sobre música e creación literaria para o próximo cuadrimestre. A piques de rematar, o músico asegura que o taller foi unha experiencia moi positiva, “especialmente pola resposta das persoas matriculadas que mostraron moito interese por afondar na historia da música”.