O Grupo Común da Esquerda acusa á Xunta de xerar problemas onde non os hai polas medidas restritivas para o acceso da veciñanza á illa de Ons

O deputado Marcos Cal instou á conselleira de Medio Ambiente a “deixar a confrontación e sentar cos veciños e veciñas para buscar solucións”.
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda acusa á Xunta de xerar problemas onde non os hai polas medidas restritivas para o acceso da veciñanza á illa de Ons

 O Grupo Común da Esquerda acusou este martes á Xunta de Galicia de “xerar problemas onde non os hai” polas medidas restritivas establecidas polo Executivo autonómico para o acceso á illa de Ons da súa veciñanza, que estivo presente no Pleno do Parlamento e concentrada no exterior da Cámara para manifestar a súa oposición a estas medidas. O deputado Marcos Cal instou á conselleira de Medio Ambiente “deixar a confrontación e sentar cos veciños e veciñas para buscar solucións” e reclamou que “fagan estudos serios e detallados sobre a incidencia da veciñanza” porque “un Goberno responsable debera buscar solucións aos problemas da cidadanía e non adicarse a xeralos”.

“O lóxico é que cado algún tipo de actividade humana está xerando un prexuízo se busquen solucións a esta problemática, mais aquí iso non estaba acontecendo”, incidiu Cal. O parque Nacional das illas Atlánticas “é sen dúbida unha xoia que temos a obriga de preservar polo seu enorme valor natural e paisaxístico, mais tamén debemos ter unha mirada máis ampla, e saber recoñecer a importancia que ten dentro dos valores a salientar do Parque o poboado de Ons, que fai desta illa un emblema das Rías Baixas e de toda Galicia”, afondou, e insistiu en que “como debera saber a señora Conselleira os pobos fanos as persoas e polo tanto, son elas, a parte máis importante nesta cuestión, e é con elas con quen hai que falar para buscar solucións en vez de xerar problemas”.

O deputado do Grupo Común da Esquerda, que enmarcou esta polémica dentro da “práctica habitual do PP de dificultarlle a vida á xente”, sinalou que “non existe ningún motivo para limitarlle á veciñanza a súa entrada na illa”. Para iso “son necesarios estudos serios” e a Xunta non deu os datos de asistencia de visitantes e a incidencia que teñen na illa. Fixeron os cálculos sen ter en conta á veciñanza”, remarcou. Pola contra, Marcos Cal reclamou que a illa de Ons “precisa dunha lexislación que teña en conta a súa peculariedade e garanta os dereitos dos seus habitantes”.

“Céntrense en atender os problemas do Parque Nacional, que non os xera a veciñanza, senón o desleixo e a falta de investimento por parte da Xunta, como vemos tamén noutras illas do arquipélago”, denunciou Cal, que tamén afeou que “levamos dez anos de Feijóo sen un plan de protección do parque. Benvidos á conservación medioambiental, pero como non están acostumados a facela, meten a zoca”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.