ADEGA cualifica de irresponsábel e perigoso que poidan ocultarse os lugares de celebración dos campionatos de raposo e pide a súa anulación

A efectos da seguridade e da protección civil, non debería permitirse a súa celebración pola falta de publicidade
Por o 18/01/2019 | Sección: ADEGA,Medio Ambiente,Social
ADEGA cualifica de irresponsábel e perigoso que poidan ocultarse os lugares de celebración dos campionatos de raposo e pide a súa anulación

Informacións non oficiais apontan que este 20 de xaneiro está axendado o “campionato” galego e o 2 de febreiro a “copa estatal”, dos que actualmente descoñecemos día e lugar porque a información desapareceu do calendario das entidades organizadoras. A falta pois de 48 horas para a celebración do primeiro, segue sen ser público o lugar onde vai acontecer. Con isto os organizadores pretenderían evitar as concentracións de repulsa a estas cruentas prácticas no mesmo lugar da “proba”. Porén, estase a ocultar tamén á cidadanía, cazadora ou non, a posibilidade de contar cunha mínima información que garanta a súa autoprotección e seguridade ao transitar polos montes nos que se celebran estes “eventos”.

Se finalmente estes “campionatos” teñen lugar, resultaría inadmisible e irresponsábel que a Xunta fora cómplice de autorizar semellante proceder, cuestionando os elementais principios de seguridade e protección da cidadanía, alén da transparencia que se agarda dunha administración. Perante unha actividade que xa de por si entraña un risco certo de seguridade, ao celebrarse nun espazo público aberto, cabería aplicar as previsións para riscos cotiáns e ordinarios a efectos de protección civil, referidas na Lei 5/2007 de emerxencias de Galiza.

Para unha administración, permitir a ocultación dun “evento” que comporta riscos para a cidadanía en xeral é un grave acto de irresponsabilidade, pois a calquera persoa que viva próxima á contorna, ou tivera planificada unha actividade profesional ou de lecer nese espazo, estaríaselle negando información básica necesaria para a súa seguridade, e coñecer cun tempo mínimo suficiente os riscos aos que podería exporse. Por unhas horas as zonas dos “campionatos” van concentrar un elevado número de escopetas, cun esforzo cinexético puntual moi intenso dentro dun campo aleatorio de tiro, o que supón unha ameaza para calquera persoa allea ao “evento”. Dende ADEGA preguntámonos que acontecería se durante a celebración destes “eventos” ocorre un accidente a unha terceira persoa allea ás cazatas: Cal sería a responsabilidade (civil, e mesmo penal) da entidade organizadora, e a da propia Xunta?

ADEGA lembra que a efectos da Lei 5/2007 de emerxencias de Galiza, a celebración deste “campionato” entraña unha forma de risco ordinario, para o que os poderes públicos teñen confiada a protección civil, entendida coma unha actuación preventiva que favoreza a autoprotección da cidadanía. Consonte ao  artigo 4, sobre o dereito á protección e á información e ás obrigas das administracións públicas, a cidadanía ten dereito a: “b) Ser informados dos riscos que poidan afectalos e das consecuencias deles que sexan previsibles..”

É paradoxal que a ocultación desta información mesmo vulnere os regulamentos para a organización deste tipo de “eventos”, tanto da Federación Española de Caza como da Federación Galega. A normativa dos “campionatos” a nível da Federación Estatal,  dado que estes considérnase “oficiais”, establece no seu artigo 6, apartado 3, que “as convocatorias concretas formalizaranse e faranse públicas a través da páxina web da RFEC e, para maior e mellor información, tamén se publicarán na web da federación autonómica na que vaia ter lugar”. No caso do regulamento da Federación Galega de Caza, para os “campionatos” establécese que “cada proba deportiva anunciarase con tempo suficiente mediante o correspondente programa de competición, no que deberán figuralos seguintes apartados: a) nome e categoría da proba; b) Lugar da celebración; c) Data e hora….

ADEGA esixe á administración galega que denegue a autorización destes dous “eventos” (os “campionatos” galego e a copa estatal de caza do raposo) por incumprir a Lei 5/2007 e poñeren en perigo a seguridade da cidadanía. A complicidade dunha administracióbn con semellamntes prácticas podería devir en responsabilidades -mesmo penais- para a Xunta, en caso dalgún desafortunado accidente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.