Onte, 14 de agosto, saía publicada no DOG a Resolución do 4 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta, do 27 de xuño, polo que se aproba da modificación a aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, así como das disposicións normativas no mencionado proxecto. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) manifestan a súa vontade de interpoñer os recursos que procedan contra esta resolución, así como loitar a través de todos os cauces legais dispoñibles para frear este proxecto eólico que atenta contra un dos espazos naturais protexidos máis relevantes do país.
A continuación, indicamos 10 RAZÓNS polas que se debe esixir a paralización inmediata das obras de execución do Parque Eólico Serra do Oribio e a anulación do proxecto:
1. Os novos parques eólicos están prohibidos en Rede Natura.
– O parque eólico Serra do Oribio é de nova construción e preténdese instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel (ES 1120001), polo que a súa execución vulneraría toda a normativa que prohibe a construción de novos parques eólicos en Rede Natura. Esta disposición está recollida xa na Lei galega de aproveitamento eólico de 2009, e no Plan Director da Rede Natura aprobado en 2014.
2. A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto é fraudulenta e obsoleta.
– A DIA do proxecto eólico Serra do Oribio que se pretende facer valer a día de hoxe foi concibida hai 14 anos e tramitada saltándose varios procedementos legais, sendo finalmente aprobada polo último goberno de Fraga Iribarne en funcións e un día despois do nomeamento do novo Executivo. Dita declaración non tivo en conta a localización do parque eólico nun espazo natural protexido da Rede Natura, daquela Lugar de Interese Comunitario, nin tampouco realizou unha avaliación adecuada das especies e hábitats de interese comunitario presentes no lugar e que se verían drasticamente afectadas polas instalacións eólicas.
3. Póñense en risco especies en Perigo de Extinción, como o Oso Pardo ou a Aguia Real, e outras especies en acusado declive.
– A falta dunha adecuada avaliación de impacto ambiental do proxecto deixa fóra de protección numerosos hábitats e especies de interese comunitario que se atopan na zona, e que forman parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, algunhas delas En Perigo de Extinción, como o Oso Pardo (Ursus arctos) ou a Aguia Real (Aquila chrysaetos). NIngunha das dúas especies se menciona na Declaración de Impacto Ambiental do parque eólico, malia a estaren consideradas internacionalmente de elevado valor ambiental e de interese prioritario para a UE. No caso do Oso Pardo, o parque eólico Serra do Oribio implicaría a destrución do seu hábitat, nunha zona que a revisión do Plan do Oso Pardo en Galiza considera área de distribución potencial da especie e de interese para a conservación da mesma. Ademais, a Unión Europea está a destinar fondos para a conservación do Oso Pardo nesta área, a través do proxecto Life Oso-Pardo. Malia a todo, tampouco a potencial afección ao Oso Pardo aparece recollida na modificación do proxecto definitivo. Igualmente a implantación do parque eliminará o principal hábitat de cría na ZEC Ancares-Courel da Tartaraña Cincenta (Circus pygargus) e da Gatafornela (Circus cyaneus), dúas especies ameazadas que no momento actual sofren un acusado declive das súas poboacións a nivel global.
4. Non se avaliaron os impactos acumulativos e sinérxicos do proxecto eólico no seu conxunto.
O proxecto eólico foi fragmentado interesadamente en diferentes expedientes administrativos (poligonal do parque, liña de alta tensión e accesos) para ocultar a súa interconexión procedemental, co gallo de eludir a avaliación de impacto ambiental, social e cultural no seu conxunto. Tampouco na modificación do proxecto se realiza a avaliación dos efectos sinérxicos e acumulativos do proxecto, incumprindo a Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental. De feito, a Xunta autorizou a Liña de Alta Tensión do parque eólico Serra do Oribio 132 kV o pasado mes de marzo, de forma independente e previa á aprobación do proxecto definitivo do parque eólico, sen ter en consideración nin os efectos acumulativos, nin a orde lóxica de aprobación dos proxectos.
5. O cambio de trazado dos accesos ao parque carece de autorización e foi ocultado do trámite de modificación do proxecto sectorial.- Non existe a máis mínima referencia a un cambio do trazado dos accesos ao parque eólico do Iribio en todo o expediente de tramitación da modificación do proxecto sectorial, aínda que a empresa Fergo Galicia Vento S.L. xa está a executar desde o mes de maio unhas obras de acceso ao parque que non están amparadas nin contempladas na modificación do proxecto sectorial e que difiren do trazado previsto para tal efecto. Coa omisión deste cambio, a empresa podería estar intentando eludir a obriga de someter a exposición pública a modificación do proxecto sectorial. Ao non incorporarse este cambio no expediente de modificación do parque eólico, as demais modificacións propostas foron consideradas non substanciais, o que alixeirou o procedemento. Consecuentemente, as obras dos accesos agora en execución carecen da debida avaliación ambiental e da autorización dos organismos competentes na protección do patrimonio natural e cultural, malia a afectar a un espazo de Rede Natura e ao BIC do Camiño Francés a Santiago.
6. Un inasumible impacto paisaxístico e sobre o BIC do Camiño Francés.
– A altura dos postes dos muíños eólicos previstos na modificación definitiva do proxecto será de 152 metros, cunhas pás un 20% máis longas que as anteriores, no cumio dunha serra que se sitúa a unha altitulde de 1.477 m. O impacto visual do parque eólico será evidente e perceptible a varios quilómetros ao redor e, nomeadamente, sobre o territorio histórico do Camiño de Santiago
Francés, a pouco máis dun quilómetro do parque. Como insulto á intelixencia colectiva, o proxecto aprobado contempla como medida correctora o pintado dos aeroxeradores con motivos xacobeos. Por outro lado, semella incongruente que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural obvie o impacto visual dos muíños eólicos sobre o Camiño de Santiago, cando, ao mesmo tempo, obriga a soterrar parcialmente a liña de alta tensión debido a dito impacto.
7. A destrución dun Camiño Real e do patrimonio arqueolóxico.
– As obras do parque eólico e dos accesos, iniciadas irregularmente pola empresa, xa destruíron parte do antigo Camiño Real e de Arrieiros que discorre polo cumio do Iribio e que conectaba Galiza coa Meseta. Curiosamente, o proxecto designa este camiño histórico como a vía principal de servizos do parque eólico, o que implicará a realización de desmontes, terrapléns ou ancheamentos para o transporte e servizo das instalacións eólicas. O parque eólico pon en risco tamén outros bens patrimoniais vinculados ao Camiño Real, como son varios puntos de Ventas (Venta do Retorno, Venta das Brañas..), o Portádego do Iribio, ou antigo lugar de dereito de paso pola Serra, e outros elementos de interese patrimonial que se atopan a carón da vía como son mámoas ou antigos neveiros.
8. A declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e do Courel é incompatible co novo parque eólico.
Tan só 5 días antes de publicarse a resolución da aprobación do proxecto eólico definitivo Serra do Oribio nun espazo da Rede Natura 2000, a Xunta lanzaba a exposición pública, sen ningún tipo de reparo ou vergoña, a proposta para a declaración da “Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel”. Desde ADEGA e a SGO consideramos que o proxecto eólico Serra do Oribio é absolutamente incompatible coa declaración desta Reserva da Biosfera, por ir en contra do principio fundamental no que se sostén tal recoñecemento outorgado pola UNESCO: “a harmonía da conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social, a través da relación das persoas coa natureza”. O parque eólico Serra do Oribio, non só non é harmónico coa conservación da natureza e do patrimonio cultural, senón que, como xa indicamos, vai en contra da súa preservación. Ao tempo, consideramos que a Reserva da Biosfera debera servir para reforzar a importancia dos valores ambientais e culturais da zona e para promover formas de desenvolvemento económico sostibles e compatibles coa preservación do espazo.
9. A empresa comezou as obras do parque eólico sen a autorización da Xunta e sen a licenza municipal.
Tanto as obras do parque eólico no cumio da serra como as dos camiños de acceso ao parque tiveron que ser paralizadas cautelarmente pola Xunta e polo Concello de Samos, ben por iniciarse sen as autorizacións preceptivas, ou ben por incumprir os condicionantes de execución. Estas obras terían destruído xa grande parte do espazo natural protexido e do territorio histórico do BIC Camiño de Santiago Francés se non fose pola denuncia efectuada por entidades sociais como ADEGA, a SGO, a Fundación Oso Pardo e outros colectivos locais, como a Asociación sociocultural do Iribio. Lamentablemente, daquela, as escavadoras e buldózers de Fergo Galicia Vento xa tiñan destruído parte do Camiño Real, un antigo neveiro, e eliminado parte de hábitats protexidos, alén de ter alterado de forma considerable os tradicionais camiños de acceso ao monte desde Airapdrón. Pero, no canto de castigar a empresa pola súa intervención infractora neste espazo protexido, manter as debidas cautelas e obrigala a reparar os danos, a Xunta favorécelle o indulto obsequiándoa coa aprobación acelerada do proxecto eólico definitivo.
10. Opacidade na tramitación da modificación do proxecto e atrancos no acceso á información pública.
A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellaría de Industria, órgano substantivo na tramitación do expediente de modificación do proxecto eólico, remitiu copia de dito expediente a ADEGA tan só 5 días antes da súa publicación no DOG, e case 8 meses despois de ter sido solicitada. Durante este período, a Consellaría de Industria impediu a ADEGA acceder ao expediente e a admitila como parte interesada no procedemento, ao tempo que lle outorgaba á empresa o dereito de presentar recurso contra a resolución favorable de acceso a dita información. Paralelamente, tanto este departamento, como a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta eludiron responder a todas as denuncias presentadas por ADEGA ou pola SGO contra as obras que se estaban a executar ilicitamente por parte da empresa na Serra do Iribio.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.